RADIO.- Cara a cara: 'A vida nun balón' ou as intrahistorias dos Mundiais e do fútbol

Pontevedra
13 de xuño 2019

Que fixo grande a Matthias Sindelar ademais da súa forma de xogar ao fútbol? Por que o Spartak chegou a xogar un partido na Praza Vermella de Moscova? ¿Ou que sucedio en 1967 no Trofeo Luís Otero xogado en Pasarón?. Son historias e anécdotas das que falamos en PontevedraViva Radio con Roberto Mansilla

Roberto Mansilla Blanco co seu libro 'A vida nun balón' en PontevedraViva Radio Mónica Patxot

Roberto Mansilla é licenciado en Estudos Internacionais e Máster en Ciencia Política. Exerce profesionalmente como analista do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional e como colaborador en varios medios de comunicación españois e venezolanos, de onde é oriúndo.

 PontevedraViva Radio convidouno para falar do libro que editou este ano, 'A vida nun balón'. Trátase dun compendio de historias e anécdotas desde o primeiro Mundial de 1930 ata a actualidade. É un gran afeccionado ao fútbol e tamén á Historia, así que combinando ambos resultou este libro en que puxo o acento "no valor humano e o contexto en que viviron" os seus protagonistas.

Quen o lea darase conta da mutación do fútbol: do "amateurismo" dos primeiros Mundiais que viviron homes como Luís Monti, Obdulio Varela ou Matthias Sindelar coas súas particulares xestas persoais, ata o fútbol contemporáneo que está "dominado polo márketing, o merchandising e os contratos millonarios onde os futbolistas viven moitas veces absortos da realidade".

Reflicte tamén como réximes políticos fixeron uso do fútbol ou anécdotas; entre as cales hai unha que ten a Pontevedra como protagonista: o Trofeo Luís Otero xogado contra o Club Estudantes da Prata arxentino en 1967.

Roberto Mansilla fala tamén neste Cara a cara da violencia que exercen os 'hooligans', da transcendencia e influencia que as figuras do fútbol teñen ou dos intereses xeopolíticos que se ciernen sobre clubs, entidades futbolísticas, o Mundial de Qatar ou o pasado de Rusia.