RADIO.- De Rosalía de Castro a Xela Arias nun especial de 'A Playlist' coas Letras Galegas

Pontevedra
17 de maio 2021

Nesta edición do podcast 'A  playlist de...' en  PontevedraViva Radio non hai un único protagonista senón que son varios; trátase dalgúns dos escritores aos que se dedicaron o Día das Letras Galegas e que foron interpretados ou  reinterpretados musicalmente por artistas de dentro e fóra de Galicia

Especial de 'A Playlist' adicado ás Letras Galegas

Con motivo do Día das Letras o podcast 'A playlist de...' ten como protagonistas a algúns dos nomes propios das literatura galega que foron motivo de homenaxe por parte da Real Academia Galega.

Desde a primeira e máis coñecida, como foi Rosalía de Castro no ano 1963 ata Xela Arias, na que se centra este 17 de maio. Como elas, Celso Emilio Ferreiro, Curros Enríquez, ou Alvaro Cunqueiro, entre outros, a súa obra tivo reflexo na música.

Artistas galegos e de fóra de Galicia interpretaron eses versos. Na selección do programa de PontevedraViva Radio inclúense cantantes como Luz Casal, Amancio Prada, Luís Emilio Batallán ou Suso Vaamonde.

No caso da autora escollida para a edición deste 2021, a propia Xela Arias escribiu letras para as cancións que durante a década dos 80 e 90 interpretaron Desertores; tamén formacións actuais como A Banda da Loba editaron un traballo como homenaxe a Xela Arias; ou compuxeron un tema para esta conmeración anual como o tema 'Perder pé' que canta a viguesa Noelia Solleiro xunto ao compositor e guitarrista pontevedrés Ángel Paz.