Dous axentes fóra de servizo auxilian un condutor parado na estrada e sen pulso

Pontevedra
26 de xuño 2026

O incidente foi atendido, entre outras persoas, por unha garda civil e un policía nacional en prácticas, que practicaron as manobras de reanimación ao condutor, un home de 60 anos

Estrada nacional N-541
Estrada nacional N-541 / Adrián Estévez

Unha garda civil e un policía nacional en prácticas, ambos fóra de servizo, auxiliaron un condutor que estaba parado no medio da estrada e sen pulso en Pontevedra.

Foi o pasado 19 de xuño, ás dez da noite, á altura do quilómetro 89 da estrada N-541, segundo informou a comandancia da Garda Civil de Pontevedra.

A axente viu como un coche estaba parado ocupando os dous carrís de circulación.

Na zona había varias persoas tratando de empuxalo para que non interrompese o tráfico e unha muller que estaba a chorar pedindo auxilio.

Ao chegar á altura do accidente, a garda civil e o policía nacional  identificáronse e viron que dentro do coche, sentado no asento do condutor e apoiado no volante, atopábase un home de 60 anos que estaba inconsciente,.

Ao tomarlle as constantes vitais, comprobaron que non tiña pulso nin respiraba, polo que procederon a sacalo do vehículo e tombárono no solo en zona protexida do tráfico.

A garda civil realizoulle a manobra de fronte-mentón e o policía nacional a manobra de RCP, facéndose remudas.

Ao sete minutos da manobra, o home deu unha bocanada de aire profunda e comprobaron que tiña pulso, podendo notar como latexaba o corazón.

Minutos máis tarde chegou unha ambulancia do 061 que conseguiu estabilizalo e trasladalo ao hospital de Vigo.