RADIO.- Houbo unha muller reporteira no desembarco de Normandía e foi Martha Gellhorn

O Salnés
23 de xuño 2024

Rosario Raro restitúe o mérito profesional e persoal da xornalista estadounidense do século XX. 'Prohibida en Normandía', reconstrúe aquel capítulo bélico e visibiliza a conxuntura á que se enfrontaron outras mulleres da súa xeración. Falamos coa escritora en PontevedraViva Radio

Rosario Raro e a portada de 'Prohibida en Normandía' Rosario Raro/PontevedraViva

Rosario Raro non é escritora dun só xénero, traballounos case todos, ata haikus que se traduciron ao xaponés. En narrativa pode presumir de repetidas reedicións das súas novelas, traducidas igualmente a outros idiomas. Esta vez con 'Prohibida en Normandía' ten visos de que volva suceder. 

Trae unha novela histórica baseada nos escritos da súa protagonista, Martha Gellhorn, a reporteira e escritora estadounidense nada a comezos do século XX.

Fotografou e relatou conflitos bélicos como a guerra civil española ou a Segunda Guerra Mundial. Nesta contenda pecha o foco Rosario Raro para despregar a experiencia de Gellhorn na batalla de Normandía. Un desembarco que viviu a pesar das vicisitudes e impedimentos que querían privala dese momento.

Durante a charla que mantemos con Raro no podcast 'Cara a cara' define á xornalista norteamericana como unha muller empática, intrépida e indómita. A súa experiencia non foi unha excepción senón un exemplo do que sucedía con outras reporteiras e con outras mulleres da época, como reflicte a novela.

'Prohibida en Normandía' ten ademais moito de fílmica, non só polas páxinas que rememoran a Operación Fortitude, senón tamén polo desfile de artistas de Hollywood como Douglas Fairbanks jr, Leslie Howard, David Niven e Primula Rolo, Gertrud Lawrence ou o escritor Roald Dahl. 

Como nota, ou notas ao pé de páxina, engadir que a novela se escribiu desde os diferentes lugares en que se localiza e entre os que está, como non, Canfranc, o municipio do Pirineo aragonés tan presente nas obras de Rosario Raro. E última referencia sobre a protagonista que non debería parapetar a súa pegada. O que foi o seu marido está en 'Prohibida en Normandía': Ernest Hemingway. 

O podcast está dispoñible para reprodución e descarga desde a web de PontevedraViva Radio e tamén se pode escoitar desde a ligazón que se adxunta.