RADIO.- O produtor G3D3R e o rapeiro Isaías GF avanzan no 'Cara a cara' a súa última colaboración

Pontevedra
22 de xullo 2021

Marinense e venezolano residente nesta capital, comparten afección pola música. G3D3 R como produtor de electrónica e Isaías GF como rapeiro. Fálannos diso en PontevedraViva Radio e dos seus  featurings, é dicir, as súas colaboracións

Gabriel Domínguez 'G3D3R' e Gian Francisco Martínez 'Isaías GF'
Gabriel Domínguez 'G3D3R' e Gian Francisco Martínez 'Isaías GF' / Cristina Saiz

Gabriel Domínguez Ruibal, alias G3D3R é marinense ten 21 anos e desde os 16 produce música electrónica. Estuda Produción Musical, Mezcla e Mastering e creou o seu home studio chamado Turtle Records. Gian Franco Martínez, alias Isaías GF é venezolano, ten 22 anos e desde hai ano e medio reside en Pontevedra. Aos doce en Caracas xa se dedicaba a rapear e freestylear. No seu país entrara nalgún estudo de música e contactado con produtores.

Reggaeton, trap, rap, drill, bomb bap... estilos con fieis seguidores e detractores. Non hai termo medio. Defenden o contido destes xéneros fronte a quen os cuestiona e rexeita por ser temas con contidos moi explícitos porque: "é o que hai na rúa, hai sexo, hai drogas, hai violencia. Quizá é un tanto obsceno e deberiamos aprender como transmitir a mensaxe; pero é a verdade con palabras máis fortes", di Gian Franco.

G3D3R compón os seus propios temas e igualmente fai covers, versións, das cancións doutros artistas de electrónica; edita vídeos, fai portadas e tamén produce bases para terceiros "e igual máis adiante úsoo para lanzar temas doutros" comenta en referencia a Turtle Records, nesta edición do 'Cara a cara'.

Isaías GF e G3D3R coñecéronse hai un ano aproximadamente e colaboran, é dicir, segundo o argot da xeración: fan featurings, axuntan as súas habilidades de produción e compositor. Este mesmo xoves 22 de xullo lanzan nas súas redes sociais e plataformas o último tema que editaron, 'Sabes quien soy' e avánzano no podcast de PontevedraViva Radio