The Rapants, Sanguijuelas del Guadiana e Dubioza Kolektiv fan vibrar a Vilaxoán no arranque do Revenidas

O Salnés
12 de setembro 2025
Actualizado: 13 de setembro

Ata dez concertos que, como prometía a organización, foron verdadeiramente representativos do espírito do festival, abriron o Revenidas 2025, que este venres recibirá a Fermín Muguruza

Primeira xornada do festival Revenidas 2025
Primeira xornada do festival Revenidas 2025 / Festival Revenidas

Xa está aquí o Revenidas. Milleiros de persoas gozaron este xoves coa primeira xornada de concertos do festival que converte en Vilaxoán na referencia musical deste final de verán.

Foi grazas a un espectacular inicio que ofreceu ao público ata dez concertos que, como prometía a organización, foron verdadeiramente representativos do espírito do festival.

Como marca a tradición, desde hai xa dez anos, as primeiras notas musicais do Revenidas saíron desde La Duendeneta, contra as seis da tarde. A partir dese momento, e ata as catro da madrugada, a música non deixou de soar.

Polo escenario do festival pasaron propostas internacionais de música festiva e combativa como a dos bosnios Dubioza Kolektiv ou de punk rock en estado puro, como as da banda sueca The Baboon Show ou dos neozelandeses Dick Move.

Nomes consagrados da escena estatal, como os cataláns Buhos, compartiron espazo con figuras emerxentes como os extremeños Sanguijuelas del Guadiana, unha das grandes sensacións da música nacional nestes últimos meses.

Primeira xornada do festival Revenidas 2025
Primeira xornada do festival Revenidas 2025Festival Revenidas

O de The Rapants, que encabezaron a proposta da música galega xunto con Hugo Guezeta e Galician Army, foi un dos concertos máis aclamados.

Non deron un segundo de respiro a un público entregado aos de Muros desde os primeiros acordes que saíron da súa 'máquina del buen rollo'.

VENRES CON FERMÍN MUGURUZA

Fermín Muguruza, que ofrecerá en Vilaxóan o seu último concerto en Galicia da xira polo seu 40 aniversario sobre os escenarios, será un dos grandes atractivos da xornada do venres.

Soul, ska, electrónica, rock, punk, reggae, hip-hop, R&B, trip-hop, música tradicional, mestizaxe... todo ten cabida nunha proposta musical chea de activismo, reivindicación e loita.

A segunda xornada do Revenidas será un auténtico paseo pola xeografía sonora peninsular cunha incursión en Italia, a que ofrece Talco, banda de ska-punk coñecida pola súa potente fusión de ritmos enérxicos, letras comprometidas e espírito antifascista.

Postulados parecidos propoñen Sons of Aguirre & Scila, formación xurdida da fusión do trío valenciano de rap combativo Sons of Aguirre e banda alacantina de metal Scila, coa vontade de denunciar inxustizas sociais, políticas e económicas. 

Desde Barcelona chegarán Les Testarudes, nove mulleres de entre 20 e 27 anos cunha proposta sonora entre o ska, o rocksteady e o reggae; e Svetlana, o dúo formado por Júlia Díaz e Roc Bernadí, unha explosión única de electropop con influencias do house, a rumba ou o reguetón.

Primeira xornada do festival Revenidas 2025
Primeira xornada do festival Revenidas 2025Festival Revenidas

E a cabalo entre Biscaia e Navarra móvense J Martina, a banda de pop electrónico con referencias a outros xéneros autóctonos, formada polas irmás Kattalin e Ane Bárcena xunto con Javier Jorajuria.

Na parte galega, pola súa banda, o Revenidas ofrecerá tres propostas diferentes e arroiadoras, entre eles Baiuca, que chega a Vilaxoán no mellor momento da súa traxectoria. O seu disco Barullo reafirmou ao de Catoira como o proxecto de electrónica máis influínte da actualidade. 

Sés, puro carisma e forza sobre o escenario, exhibirá o seu son baseado na combinación de influencias tradicionais propias cos múltiples e diversos estilos dos que se foi nutrindo: canción de autora, música tradicional, folclore latinoamericano e rock&roll.

Completan o cartel do venres La Duendeneta, que fará dúas sesións; e Seitura, un cuarteto de punk rock do Val Miñor cun directo cheo de potencia, raiba e moitas ganas de festa.