O Rebulir "continúa medrando" para achegar a danza contemporánea aos veciños de Soutomaior

Soutomaior
28 de xuño 2026

O vindeiro domingo 5 de xullo a Carballeira do Peirao de Arcade acollerá a terceira edición do Festival de Danza Contemporánea O Rebulir

Presentación do Festival de Danza Contemporánea O Rebulir
Presentación do Festival de Danza Contemporánea O Rebulir / Concello de Soutomaior

Vai ser só a súa terceira edición, pero preséntase xa como unha cita plenamente consolidada e como das máis singulares do verán de Soutomaior.

O vindeiro domingo 5 de xullo a Carballeira do Peirao de Arcade acollerá a terceira edición do Festival de Danza Contemporánea O Rebulir.

Unha iniciativa que busca achegar a danza contemporánea a novos públicos e converter o espazo público nun lugar de encontro entre a arte e os veciños.

"O Rebulir continúa medrando e reforza a aposta do Concello por ofrecer propostas culturais innovadoras e de calidade, facendo da danza contemporánea unha cita imprescindible dentro da programación cultural", defende a concelleira de Cultura, Silvia Cernadas.

Nesta edición o festival contará con tres propostas escénicas e un coloquio final.

Ás 19:15 horas presentarase 'Estender como se poidera', de Julia Laport; ás 19:45 horas será a quenda de 'Velaiquich Amoorch!', do Colectivo D'Elas; e ás 20:15 horas de 'Diz-me, meu amor', de Raquel Ferradás e María de Vicente.

Por último pechará O Rebulir o coloquio 'O falar da danza', de 20.30 a 21.00 horas.

Todas as actividades serán de balde.