'Regreso á Illa de San Simón' preséntase no Museo para achegar a memoria histórica á mocidade

Pontevedra
12 de outubro 2021

A obra, que publica a Deputación de Pontevedra, foi coordinada polo ilustrador Kiko Da Silva e contén o traballo de 13 creadores gráficos que desenvolveron varias historias baseadas nos sucesos acontecidos na Illa de San Simón dende 1936 a 1943. A presentación será o venres 15 de outubro a partir das 20.30 horas con acceso libre, previa inscrición

Edificio Castelao do Museo de Pontevedra
Edificio Castelao do Museo de Pontevedra / Mónica Patxot

Este venres 15 de outubro ás 20.30 horas, o edificio Castelao do Museo de Pontevedra acollerá a presentación de 'Regreso á Illa de San Simón', un traballo colectivo que impulsa o departamento de Memoria Histórica da Deputación Provincial.

Trátase da primeira publicación destas características realizada polo organismo provincial para ofrecer unha exposición dos feitos sucedidos durante os anos da ditadura franquista na Illa de San Simón coa intención de achegarlla á mocidade. 

Kiko Da Silva é o coordinador deste proxecto, que contén obras de trece creadores gráficos formados na Escola do Garaxe Hermético. Os debuxantes relatan historias que se desenvolven entre 1936 e 1943 nesta zona da ría de Vigo.

Miguel Rojo e Pablo Prado, Fernando Llor e Ana Pumares, Fonso Barreiro e Antonio Recuna, Eli García, Miriam Iglesias, Iago Fernández Falcón e Damián Gómez Figueras, Zaida Novoa, Mara Méndez, Fernando Llor e Olalla González, e Lorena Nikoli son as persoas encargadas de contar estes acontecementos. Estarán presentes con Kiko Da Silva durante a presentación, á que tamén asistirán Carmela Silva, presidenta provincial, e María Ortega, deputada responsable de Memoria Histórica.

As persoas que queiran acudir como público a este acto deberán inscribirse previamente no correo electrónico [email protected]

María Ortega sinala que o libro de narrativa gráfica será distribuído entre os institutos de educación secundaria da provincia e tamén en bibliotecas e puntos de lectura dos diferentes municipios. Aquelas persoas interesadas nesta obra tamén poderán solicitala nas instalacións do departamento de Memoria Histórica da  Deputación, que se atopan situadas no edificio do  Arquivo Provincial.