'Regreso á Illa de San Simón' será reeditado ante a alta expectación xerada

Pontevedra
16 de outubro 2021

Numeroso público achégabase no serán deste venres ao Edificio Castelao do Museo de Pontevedra para asistir á presentación deste libro de banda deseñada que narra historias sobre memoria histórica. A obra, publicada pola Deputación, foi elaborada por artistas formados no Garaxe Hermético e coordinado polo ilustrador Kiko da Silva

Kiko da Silva, coordinador de 'Regreso á Illa de San Simón' na presentación da obra de banda deseñada
Kiko da Silva, coordinador de 'Regreso á Illa de San Simón' na presentación da obra de banda deseñada / Deputación de Pontevedra

Completábase o 90% da capacidade permitida, polas normas sanitarias, do espazo do Edificio Castelao no Museo de Pontevedra para asistir na tarde deste venres á presentación do libro en formato banda deseñada 'Regreso á Illa de San Simón'.

Trátase da primeira obra sobre memoria histórica que a  Deputación de Pontevedra publica neste formato para chegar ao público xuvenil. Durante a presentación, a deputada María Ortega afirmou que está prevista xa unha próxima reedición ante a elevada demanda de exemplares que se detectou tanto no Servizo de Publicacións da Deputación como na escola do Garaxe Hermético nos últimos días. 

A obra recolle diversas historias elaboradas por artistas que se formaron na escola que dirixe o ilustrador Kiko da Silva en Pontevedra. O propio autor gráfico é o coordinador deste proxecto que narra os feitos que se rexistraban na Illa de San Simón entre os anos 1936 e 1943. A illa, durante ese período, converteuse nun campo de presos por parte da ditadura.

As persoas que elaboraron as historias son: Miguel Rojo e Pablo Prado, Fernando Llor e Ana Pumares, Fonso Barreiro e Antonio Recuna, Eli García, Miriam Iglesias, Iago Fernández Falcón e Damián Gómez Figueras, Zaida Novoa, Mara Méndez, Fernando Llor e Olalla González, Lorena Nikoli, así como Fernando Iglesias 'Kohell' e Miguel Porto.

María Ortega indicaba tamén durante o acto que a idea é ofrecer un formato diferente e atractivo para chegar a un público ao que habitualmente non se destinan as obras relacionadas coa memoria histórica. A gran expectación xerada durante estas últimas xornadas demostra que hai interese por coñecer os feitos do pasado escuro na historia de Galicia e por reflexionar sobre o papel do público xuvenil para reivindicar "verdade, xustiza, reparación". 

Kiko da Silva, na súa intervención, fixo un paralelismo coa novela gráfica 'Maus', de Art Spiegleman, publicada a finais do século  XX, que supuxo unha revolución nestas obras ao tratar o holocausto e pasou de ser unha publicación "underground" a converterse nun best seller, que alcanzou o premio Pullitzer de xornalismo.

O ilustrador sinalou que unha das historias foi elaborada por Antonio Recuna, familiar do preso coñecido como 'O Reisiño', e destacou a importancia da postmemoria, que obriga a falar sobre a historia a través da investigación e da documentación histórica para que non se perda o relato dos feitos.

Zaida Novoa e Fonso Barreiro concluíron o acto explicando o proceso de creación da obra, que se acometeu en tempo récord cun alto nivel de calidade.