Retorna o ciclo 'Vento en popa a toda vela' da Banda de Música con concertos gratuítos no Principal

Pontevedra
21 de xaneiro 2026
Actualizado: 13:34

Entre xaneiro e maio van desenvolverse cinco concertos con temáticas para todo o público que van dende as raíces galegas ata os grandes musicais de Broadway

Concerto 'Contos de película' da Banda de Música de Pontevedra

O Concello de Pontevedra e a Banda de Música de Pontevedra (BMP) presentaron este mércores 21 a programación para a segunda metade da súa tempada 2025/2026, que se inicia este sábado

Baixo o título 'Vento en popa a toda vela', este ciclo de concertos de butaca continúa coa oferta musical con cinco citas no Teatro Principal, caracterizadas pola variedade estilística e a calidade da interpretación.

O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, destacou na rolda de prensa que contar con esta agrupación "é un dos luxos da cidade" e convidou a toda a cidadanía a desfrutar dunha proposta de "nivel sinfónico".

Pola súa banda, o músico portavoz da formación, Víctor Fernández, debullou os detalles dun calendario que busca conectar con públicos de todas as idades.

A programación comeza o sábado, 24 de xaneiro, ás 20:00 horas, co concerto 'Cantos da natureza'.

Nesta ocasión, a BMP estará dirixida por Víctor M. Vilariño como director convidado, definido pola organización como un dos "grandes talentos" da dirección actual.

O ciclo continuará coas seguintes datas:

  • 28 de febreiro (20:00h): 'Raigame'. Unha sesión dedicada ás raíces musicais galegas e a pezas con identidade propia.

  • 21 de marzo (20:00h): 'Dende a sétima arte'. Un percorrido polas bandas sonoras máis recoñecibles do cinema nunha experiencia que desde a formación musical agardan que achegue a público novo.

  • 26 de abril (12:00h): 'Peregrinaxe das danzas'. Unha cita especial en colaboración co Conservatorio Profesional Manuel Quiroga.

O gañador do concurso de solistas que vai realizarse dentro do conservatorio permitirá que un estudante participe activamente no concerto coa banda.

  • 31 de maio (12:00h): 'De paseo por Broadway'. O peche do ciclo contará coas voces da soprano Marina Penas e o barítono Pedro Martínez, que interpretarán clásicos do teatro musical.

A imaxe do cartel desta tempada é unha obra orixinal do pintor do Grove Carlos Besada.

Presentación do ciclo da Banda de Música de Pontevedra. Cristina Saiz

Actualmente, a Banda de Música de Pontevedra está integrada por 35 músicos baixo a dirección titular de Rafael Agulló Albors.

Como é habitual nas actividades da formación, a entrada será de balde ata completar a capacidade do teatro