Pontevedra incorpórase a Inside Out Project, unha iniciativa creada en 2011 polo recoñecido artista francés JR para transformar o espazo público a partir da utilización da arte de rúa como unha ferramenta de expresión comunitaria. Será cunha intervención que, a través das mulleres do rural galego, reivindica o rol das habitantes das vilas e aldeas na historia e cultura galega.
O proxecto Inside Out: Mulleres [Rur]Urbanas, impulsado polo colectivo 7H Cooperativa Cultural en colaboración coa Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, forma parte da programación do Concello de Pontevedra polo 8 de marzo, Día Internacional da Muller.
Así, a partir do xoves 12 de marzo, un cento de retratos fotográficos en branco e negro, impresos a gran tamaño e colocados na fachada da Casa Consistorial, da Facultade de Belas Artes e da Casa das Campás, visibilizarán e reivindicarán o esquecido rol das mulleres do rural no sostemento do desenvolvemento colectivo.
Desde o pasado mes de outubro, o alumnado realizou un traballo de recollida de testemuños dun centenar de mulleres de diversas idades e ocupacións da provincia de Pontevedra, ás que posteriormente retrataron tentando captar a forza das súas historias de vida.
A instalación, nacida cunha duración deliberadamente efémera, iniciarase arredor das 8:30 da mañá e finalizará sobre ás 18:00 horas da tarde coa presenza dalgunhas das mulleres retratadas. Todo o proceso será documentado e compartida tanto nas redes sociais coma na propia plataforma web do Inside Out Project, na que se compilan todas as accións desenvoltas.
O Inside Out Project leva nove anos convertendo ás rúas de medio mundo en galerías de arte ao arte libre a través de procesos participativos baseados no uso da fotografía.
Edificios, muros e espazos singulares de cidades de cidades como Shanghái, Nova York, Berlín, Los Ángeles, Belén ou La Habana acolleron a instalación de fotografías de rostros, anónimos e expresivos, transformadas en vehículos de todo tipo de preocupacións e demandas: desde a esperanza da reconciliación en comunidades atravesadas por conflitos civís ata demandas de dereitos laborais ou lembranzas de tempos pasados.