Revenidas terá formato 'en conserva' en outono e apraza o festival a 2021

O Salnés
23 de xuño 2020

Esta decisión, segundo os organizadores, está motivada pola intención de "non perder a nosa esencia" e manter o "estándar de calidade" logrado nos últimos anos, garantindo a seguridade de todos os asistentes e dos seus traballadores

Concerto de Desakato no Revenidas 2019 Festival Revenidas

A pandemia do coronavirus puido tamén co Revenidas. O festival que se celebra cada verán en Vilaxóan (Vilagarcía), que xa fora atrasado ata setembro, foi finalmente suspendido ata 2021. Será, en concreto, os días 10, 11 e 12 de setembro.

Esta decisión, segundo os organizadores, está motivada pola intención de "non perder a nosa esencia" e manter o "estándar de calidade" logrado nos últimos anos, garantindo a seguridade de todos os asistentes e dos seus traballadores.

As persoas que adquirisen a súa entrada poden gardalas para a edición de 2021 e se, pola contra, queren devolvela terán de prazo todo o mes de xullo para solicitar o reembolso do diñeiro.

A pesar diso, o festival anunciou que poñerá en marcha o próximo mes de setembro un formato reducido para que haxa un "punto de encontro" co público.

Será a través dunha iniciativa que denominaron "Revenidas en conserva", que incluirá concertos e distintas actividades gastronómicas e interdisciplinarias ligadas ao territorio, á tradición e á cultura mariñeira da zona.