A Deputación de Pontevedra presentou este luns unha nova edición dos Rías Baixas Fest, un paraugas que acolle seis citas que son "algo máis que música" xa que aos seus carteis suma unha oferta singular en gastronomía, natureza, patrimonio e "lecer en paisaxes extraordinarias".
O xardín do Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, acolleu un acto de presentación deste circuíto de festivais de música dentro desta marca creada pola Deputación de Pontevedra que contribúe a situar á provincia como "un gran destino cultural e de lecer", segundo destacou a deputada, Nava Castro.
A marca agrupa seis grandes festivais celebrados en distintos puntos da provincia de Pontevedra: PortAmérica (en Portas), Sinsal Son Estrella Galicia (illa de San Simón, Redondela), SonRías Baixas (Bueu), Atlantic Fest e Revenidas (ambos en Vilagarcía de Arousa) e, como novidade este ano, o Underfest (Vigo).
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, destacou que os Rías Baixas Fest tamén favorecen o obxectivo da administración provincial de "internacionalizar e desestacionalizar" este destino, ofrecendo as "mellores experiencias" para cada momento do ano, configurando así unha "oferta de grande relevancia e atractivo".
"Os festivais teñen gran parte de 'culpa' no incremento das cifras de visitantes", sinalou Luís López.
O PortAmérica celebrarase en Azucreira de Portas do 3 ao 5 de xullo. José Carlos Giménez, da promotora Esmerarte, destacou que "temos a habilidade de non coincidir en datas e que cada un dos festivais ten un ADN". No caso do PortAmérica, esta cita une a música coa gastronomía de autor e a sustentabilidade, con artistas internacionais e chefs de renome.
O Festival Sinsal SON Estrela Galicia será do 25 ao 27 de xullo na Illa de San Simón, na ría de Vigo, cun cartel que, como xa é habitual neste evento, será secreto até a chegada do público ao emprazamento. O director da promotora Sinsalaudio, Luís Campos incidiu en que "a maneira de que nos vaia mellor é estar unidos porque somos complementarios, non rivais".
Do 31 de xullo ao 3 de agosto, Bueu acollerá o festival SonRías Baixas que aposta polo rock, o pop e o reggae. Jordi Laurent, da promotora PlayPlan Cultural, apuntou que "os Rías Baixas Fest están arraigados no territorio e contan cun tremendo apoio social".
Os días 18, 19 e 20 de xullo, a praia da Concha de Vilagarcía vive o Atlantic Fest, outra das citas deste circuíto Rías Baixas Fest que "é unha etiqueta de calidade, un selo que nos define con claridade" segundo Susana Laya, responsable de New Live, a empresa que organiza este festival arousán.
E en Vilaxoán, do 11 ao 14 de setembro, celebrarase o festival Revenidas, cuxo director Xoán Quintáns, da promotora Sisons, agradeceu a continuidade da marca na que "cada un é do seu pai e da súa nai pero nos xuntamos para ser máis fortes. É o modelo Rías Baixas no que non só importa a música", dixo.
Por último, David Lago (Tibe) da promotora Sweet Nocturna, agradeceu a incorporación a esta alianza do Underfest de Vigo, que celebra a súa próxima edición o 14 e 15 de novembro, "imos pór o noso granito de area" con "propostas de primeiro nivel" para contribuír a este éxito colectivo.