Ribadumia acollerá a exposición 'O Herbario de Rosalía'

O Salnés
05 de decembro 2023

Esta mostra conta co patrocinio da Deputación de Pontevedra cuio presidente, Luis López, reuniuse este luns no seu despacho do Pazo Provincial co presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira  

Encontro entre Luis López e Anxo Angueira
Encontro entre Luis López e Anxo Angueira / Deputación de Pontevedra

O Auditorio de Ribadumia acollerá do 11 ao 26 de decembro a exposición 'O Herbario de Rosalía'. Non se trata dun herbario científico, senón un herbario literario, unha auténtica homenaxe á obra de Rosalía de Castro e á unión da literatura coa natureza. Un intento de aproximarse ao herbario que podería facer a propia Rosalía neses paseos que tanto lle gustaban e que inspiraron a súa obra.

Trátase dunha mostra con 40 imaxes do Herbario divididas en cinco seccións: rosas, herbas do campo florido, herbiñas do camposanto, árbores e “outras flores, plantas e especies comestibles”. 

Cada unha destas seccións vai acompañada dun panel explicativo no que se desenvolve a importancia desa serie na obra de Rosalía, así como, en xeral, o nexo entre literatura e natureza. Acompáñao un vídeo co recitado profesional dos versos de Rosalía e a proxección da totalidade dos pregos.

Esta mostra conta co patrocinio da Deputación de Pontevedra cuio presidente, Luis López, reuniuse este luns no seu despacho do Pazo Provincial co presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, co obxectivo de coñecer o programa de actividades que esta entidade ten en marcha para o vindeiro ano e explorar as posibles vías de colaboración entre ambas institucións. 

O labor desta fundación céntrase en fomentar e difundir á memoria de Rosalía de Castro e Manuel Murguía, así como á conservación da Casa-Museo de Rosalía en Padrón e á celebración de actos de conmemoración das datas rosalianas, o 24 de febreiro e o 15 de xullo.