Richard Bona e Alfredo Rodríguez Trío certifican o éxito do Festival Internacional de Jazz e Blues

Pontevedra
10 de agosto 2024

O virtuoso baixista e multiinstrumentista camerunés acompañado polo pianista cubano Alfredo Rodríguez e o baterista Michael Olivera, cativou o público que enchía a Praza da Ferrería neste concerto de clausura do festival

Concerto de Richard Bona e Alfredo Rodríguez Trío Cristina Saiz

A Praza da Ferrería de Pontevedra pechou a edición 2024 do Festival Internacional de Jazz e Blues coa espectacular actuación de Richard Bona.

Na noite deste venres 9 de agosto, o virtuoso baixista e multiinstrumentista camerunés acompañado polo pianista cubano Alfredo Rodríguez e o baterista Michael Olivera, cativou ao público cunha mestura de jazz, afropop e ritmos tradicionais africanos.

Desde os primeiros compases, Bona demostrou por que é considerado unha lenda viva da música mundial, combinando á perfección a súa incrible destreza no baixo eléctrico cunha voz cálida e envolvente.

A súa música, impregnada das súas raíces africanas, conectou de inmediato cos asistentes, que encheron a praza para gozar da noite previa ao inicio das Festas da Peregrina.

A actuación foi un percorrido polas tradicións e sons do continente africano, sen esquecer as influencias do jazz que marcaron a carreira de Bona.

Este concerto final foi o broche de calidade para un festival que, unha vez máis, reafirma a Pontevedra como un epicentro do jazz e o blues na península.