Roberto Baltar, como Barenboim, "oficializa" a entrada do Aninovo dirixindo á Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra

Pontevedra
02 de xaneiro 2022

Numeroso público achegouse na tarde deste sábado ao auditorio do Pazo da Cultura ao evento. A cita comezou con atraso debido ao procedemento de comprobación dos certificados covid á entrada. A formación pontevedresa estivo acompañada pola mezzosoprano Nuria Lorenzo e integrantes do Ballet de Galicia que amosaron diferentes estilos de danza ao longo de varias pezas

Concerto de Aninovo 2021 da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra Mónica Patxot

Se o Concerto de Aninovo é unha cita obrigada para os amantes da música clásica, que seguen o evento de Viena con auténtico entusiasmo como unha apertura oficial do ano que entra; a Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra tamén está a converter nunha cita tradicional o encontro vespertino cos afeccionados o 1 de xaneiro no auditorio do Pazo da Cultura co Concerto de Aninovo.

O mestre Daniel Barenboim ofreceu unha dirección maxistral e emotiva á fronte da Filarmónica de Viena e, en Pontevedra, o director invitado para esta ocasión, Roberto Baltar Gardón non quedou atrás dirixindo á formación pontevedresa que, neste concerto, estaba acompañada pola mezzosoprano Nuria Lorenzo, que interpretou pasaxes da ópera 'Carmen' sobre o escenario. 

Os músicos da  Orquestra Filharmónica tamén estiveron arroupados por integrantes do Ballet de Galicia, que dirixe o bailarín marinense Diego Landín. Durante unha parte do programa mostráronse diferentes estilos de danza acompañando ás interpretacións musicais.

A segunda parte do programa volveu ao formato clásico neste día de aninovo, con polkas e valses da familia Strauss baixo a dirección do músico vigués colaborador habitual como instrumentista ou coa batuta de orquestras nacionais e internacionais como a Deutsches Symphonie-Orchester Berlin, City of  Birmingham Symphony Orchestra, West  Australian Symphony Orchestra ou a Die Deutsche Kammerphilharmonie Bremen.

O concerto comezaba con ao redor de vinte minutos de atraso debido ao procedemento de revisión obrigatoria de certificados covid ao numeroso público asistente. A espera valeu a pena para ao final aplaudir a popular Marcha  Radetzky cos aplausos entusiastas do público.