O Auditorio do Grove ofrece a súa nova programación teatral para o primeiro semestre de 2025, enmarcada na Rede Galega de Teatros e Auditorios, cunha aposta que combina o teatro familiar e a reflexión histórica en clave de humor.
A primeira cita será o 9 de febreiro ás 18.00 horas con 'Rosalía, a pulga que escribía', unha montaxe da compañía Galitoon dirixida ao público familiar a partir dos dous anos.
O espectáculo, que deu orixe á serie de animación 'TUTU' que actualmente se emite en CLAN TV, presenta unha innovadora proposta que emprega a técnica do 'teatro de xoguetes'.
A obra conta a historia dunha pequena pulga chamada Rosalía que escribe cartas para unha peculiar colección de destinatarios, incluíndo unha topa que non ve e un elefante que só fala inglés, mentres prepara unha misteriosa festa baixo a lúa chea.
Xa na primavera, o 5 de abril ás 19.00 horas, chegará 'Iribarne', unha produción de Butacazero que aborda a figura de Manuel Fraga cunha perspectiva innovadora e humorística.
A obra, escrita por Esther F. Carrodeaguas e dirixida por Xavier Castiñeira, propón unha viaxe pola Transición española da man dun dos seus protagonistas máis relevantes, afondando nas implicacións que a súa figura segue tendo na actualidade.
As entradas para ambos espectáculos poderán adquirirse na Biblioteca Municipal do Grove os días previos a cada función ou no propio Auditorio unha hora antes do inicio das representacións.