Santa Clara acollerá 22 espectáculos de danza, música, teatro, performance, poesía e circo

Pontevedra
04 de maio 2026

A Bienal de Artes Vivas celebrarase do 2 ao 12 de xullo no Convento de Santa Clara, transformando espazos como a igrexa, o coro ou os xardíns, en escenarios abertos ao público

Presentación do programa de Artes Vivas da Bienal de Pontevedra 2026

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, presentou este luns 4 de maio o novo programa de Artes Vivas da Bienal de Pontevedra 2026, unha proposta cultural que busca achegar ao público ás formas máis innovadoras de creación contemporánea.

A Bienal de Artes Vivas celebrarase do 2 ao 12 de xullo no Convento de Santa Clara, baixo a lema "Nas marxes".

Este evento reunirá a máis de 20 artistas e ofrecerá un total de 22 espectáculos que inclúen danza, música, teatro, performance, poesía e circo, moitos deles estreas absolutas.

O encargado do comisariado é Iñaki Martínez Antelo, quen busca converter este espazo histórico nunha referente da arte vivo.

A programación arrincará o 2 de xullo coa bailarina e coreógrafa Branca Tolsá, que presentará a súa peza "Microdesfase", e co proxecto musical galego Clo Plas, con Diego Vites e Javi Álvarez, que levará a escena o espectáculo "Clo Pau Plas Pedra".

O programa inclúe tamén nomes destacados do panorama escénico contemporáneo, como a actriz María Roja, que interpretará a obra "Jérôme Bel" (7 de xullo, 19 horas), baseada no traballo do coreógrafo francés Jérôme Bel.

Ademais, participarán artistas internacionais como o dramaturgo arxentino Martín Flores Cárdenas (3 de xullo, ás 18 e ás 20 horas) e a creadora catalá Laia Estruch (11 de xullo, 21 horas).

A compañía Pistacatro, Premio Nacional de Circo 2025, trasladará aos xardíns do recinto conventual a súa montaxe "Sen patrón" (5 de xullo, 12.00 horas).

Ese mesmo día, Los Bárbaros, formados por Javier Hernando, Rocío Bello e Miguel Rojo, estrearán en Galicia "Estraña alegría", con pases ás 18.00 e 20.00 horas.

Tamén están anunciadas a performance "Aplauso, vicio", de Noela Covelo e Élise Moreau (6 de xullo, 19 horas); as pezas de danza "Transfixión", de Fran Martínez (8 de xullo, 19 horas), "Anxelical", de María Jurado (8 de xullo, 20 horas) e "Alien" de Manuel Rodríguez (9 de xullo, 20 horas).

A programación complétase con figuras como a coreógrafa Ángela Millano (9 de xullo, 19 horas), o proxecto de danza Vacaburra (4 de xullo, 21 horas), a artista Lara Brown (4 de xullo, 18 horas) e a proposta musical de Juan Diego Calzada, coñecida como Isabel do Diego (4 de xullo, 19.30 horas).

Nos últimos días do programa, o público poderá gozar das performances de Alejandra Pombo Su (10 de xullo, 19.00 horas) e do dúo Ana Borralho e João Galante (11 de xullo, 18.00 horas); das pezas de danza de Thiago Granato (10 de xullo, 20.00 horas), Leonor Leal e Antonio Moreno (10 de xullo, 21.00 horas), Montdedutor (12 de xullo, 13.00 horas) e Alessandro Sciarroni (12 de xullo, 18.00 horas) e da poesía de Celso Fernández Sanmartín (11 de xullo, 12.00 e 13.00 horas).

Esta iniciativa forma parte da Bienal de Pontevedra, considerada a máis antiga de arte contemporánea en España. Tras o seu relanzamento en 2025, o evento inicia unha nova etapa con maior proxección internacional e unha programación máis ampla.

Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación Sergio Guillermo Lourés Miranda

Rafa Domínguez explicou que a nova Bienal de Artes Vivas nace co obxectivo de consolidar a presenza cultural da Bienal durante todo o ano e ofrecer un espazo estable para a creación contemporánea.

Ademais, o uso do Convento de Santa Clara, un lugar con máis de 700 anos de historia, permitirá transformar espazos como a igrexa, o coro ou os xardíns, en escenarios abertos ao público, onde se desenvolverán experiencias artísticas en directo.

Todas elas con entrada libre aínda que nalgúns casos será preciso facer reserva previa.

O viepresidente da Deputación insistiu en que con esta proposta, Pontevedra reforza a súa aposta pola cultura contemporánea, convertendo o convento nun punto de encontro entre artistas e cidadanía, e dando protagonismo a disciplinas que se desenvolven en vivo e en contacto directo co público.

Presentación do programa de Artes Vivas da Bienal de Pontevedra 2026 Sergio Guillermo Lourés Miranda