Santa María, punto de partida do ciclo musical da Banda de Música de Salcedo

Pontevedra
09 de xullo 2022

O ciclo dará comezo este sábado 9 coa Banda Xuvenil de Salcedo e a Banda Infantil da Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia; o 16 será o turno da Banda de Música acompañada pola de Lantaño e pechará o ciclo o domingo 17 a Coral Polifónica xunto con O Son dos Cantares de Mos e Voces Amigas de Moraña

Banda Xuvenil de Salcedo
Banda Xuvenil de Salcedo / Asociación Músico-Cultural San Martiño

A Asociación Músico-Cultural San Martiño retomará o seu tradicional "Ciclo Musical BMS" despois de dous anos de parón provocados pola pandemia da covid-19.

O primeiro dos concertos estará protagonizado, este sábado 9 de xullo ás 20:30 horas na Praza de Santa María, pola Banda Xuvenil de Salcedo que estará acompañada pola Banda Infantil da Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia.

O sábado 16 será tomará o relevo a Banda de Música de Salcedo que, xunto coa Banda de Música Unión de Lantaño, protagonizarán unha velada musical a partir das 20:30 horas na Praza de Santa María.

Pechará o ciclo a Coral Polifónica de Salcedo, o domingo 17 de xullo, nun recital que terá lugar ás 20:30 horas na Casa Verde de Salcedo, no que tamén intervirán a Coral Polifónica O Son dos Cantares de Mos e a Coral Voces Amigas de Moraña, que porán o broche final a este ciclo.

Esta iniciativa musical acada este ano a súa XV edición e forma parte do proceso músico-cultural impulsado pola Asociación San Martiño desde hai ano converténdose, segundo os seus organizadores, "nunha das citas obrigadas do panorama musical en directo na provincia".

Nela participan de xeito activo ademais das distintas agrupacións musicais vencelladas coa Asociación Músico-Cultural San Martiño outras bandas e masas corais que colaboran en reciprocidade coa de Salcedo.

Estes concertos son sempre abertos ao público en xeral e buscan achegar o traballo e a música de calidade á veciñanza de Pontevedra amosando a evolución e a melloría dos compoñentes de todas e cada unha das agrupacións musicais vencelladas coa Asociación Músico-Cultural San Martiño.