'Septiembre Negro', o segundo álbum do músico pontevedrés Arrax abre este 2023

Pontevedra
01 de xaneiro 2023

O novo traballo deste músico está formado por dez temas con ritmos urbanos, con predominio do rap e a colaboración doutros intérpretes como a rapeira pontevedresa Tami e tamén de Raisha, vocalista e baixista do grupo The Rebel Spirits. As cancións poden escoitarse xa en todas as plataformas dixitais a través do perfil do artista Arrax

O rapeiro Arrax na presentación do seu segundo álbum
O rapeiro Arrax na presentación do seu segundo álbum / Arrax

Álvaro Arousa é un artista afincado en Pontevedra e coñecido baixo o nome de Arrax. A finais do 2022 presentou o seu segundo álbum, que leva por título 'Septiembre Negro', unha proposta con dez cancións escritas e interpretadas por este mozo creativo.

A parte instrumental corre a cargo de Víctor Pazos, coñecido como PazosHimself, que tamén se encarga da produción, mestura e masterización de todos os temas do álbum, que se gravou no estudo Litium Records.

Arrax traballa ritmos urbanos principalmente, cun predominio do son rap. Neste proxecto colaboran dous artistas como a rapera, tamén pontevedresa, Tami; e Raisha, a vocalista e baixista no grupo The Rebel Spirits.

O primeiro tema publicado como adianto foi 'Liña 1', cun vídeoclip lanzado en Youtube. Nel ofrécense diversas zonas de Madrid, lugar de nacemento do rapero, coa intención de regresar ás raíces dos seus primeiros anos de vida nesta cidade. 

A presentación do traballo discográfico realizouse no Fifty Club, de Pontevedra, cun directo no que se ofrecían en primicia para os asistentes os temas, que tamén se poden escoitar en todas as plataformas dixitais de música seguindo o perfil de Arrax.

Esta proposta musical conta coa colaboración do proudctor Víctor Pazos; o cámara Marko Otero; Lucía Freire como directora de arte e Sandro Pereira, que se encarga do deseño gráfico.