Coa chegada do verán, a Banda de Música de Pontevedra cambia o teatro polas rúas da cidade. Sete concertos forman parte do ciclo Sons na Rúa, que porá en marcha a entidade durante os meses de xuño, xullo e agosto.
O programa foi presentado pola concelleira de Cultura, Carmen Fouces, que estivo acompañada polo director da banda, Rafael Agulló e a súa secretaria, Ana Franqueira
A BMP porá en escena un repertorio "actualizado e arriscado", sinalou Fouces, que puxo o foco na calidade e variedade das propostas que se ofrecerán, destinadas a público de todas as idades e de diferentes sensibilidades.
Calidade, talento e xuventude definen, en palabras de Ana Franqueira, á Banda de Música de Pontevedra que traballa, engadiu Rafael Agulló, guiada por tres eixos: cumprir co público, ser un ente pedagóxico e o valor artístico.
Nos sete concertos programados -dous en xuño, dous en xullo e tres en agosto- teñen cabida pasodobres, musicais, música do mundo, unha escolma clásica ou citas tan especiais como o recital Rêveries françaises co director convidado Miguel Etchegoncelay (Arxentina) ou o agardado man a man coa Banda de Música de Salcedo.
A programación do ciclo Sons na Rúa é:
- 7 de xuño, Palco da Alameda (21.00 horas): Pasodobres do S.XXI
- 21 de xuño, Praza do Teucro (21.00 horas): Un paseo por Broadway
- 5 de xullo, Praza do Teucro (21.00 horas): Rêveries françaises
- 26 de xullo, Praza do Teucro (21.00 horas): Converxencias
- 2 de agosto, Praza Irmáns Pazó (20.30 horas): Delicatessen musicais
- 13 de agosto, Praza da Ferrería (21.00 horas): Man a man coa Banda de Salcedo
- 17 de agosto, Praza do Teucro (22.30 horas): Antoloxía da zarzuela
Todos os concertos serán gratuítos.