Sete Falares abre a semana de contadas con María da Pontragha e a arpa de Le Friec

Pontevedra
09 de xuño 2025

As funcións de narración oral continuarán ata o domingo 15. Este luns chega a actuación de Caxoto nos Xardíns de Marescot, a partir das 20.00 horas

Sesión inaugural de Sete Falares 2025 con Bleuenn Le Friec e María da Pontragha Cristina Saiz

O festival Sete Falares iniciou a súa programación este domingo 8 no Teatro Principal de Pontevedra cunha actuación inaugural que contou coa presenza de María da Pontragha, unha das narradoras máis destacadas de Galicia nos últimos anos, quen compartiu escenario coa arpista bretoa Bleuenn Le Friec.

Na súa actuación, María da Pontragha ofreceu unha combinación de palabra falada e cantada, mesturando memoria, etnografía e música con ritmo e "cheiro a terra". A artista, recoñecida polo seu labor como recolledora de saberes e historias, estivo acompañada por Le Friec, formada tanto en arpa celta como clásica e que desenvolve a súa carreira musical en diferentes ámbitos, desde a Real Filharmonía de Galicia ata proxectos de música tradicional.

A programación do festival continúa este luns 9 nos Xardíns de Marescot, fronte á Facultade de Belas Artes, coa actuación do contador Caxoto ás 20.00 horas, con entrada libre.

Este narrador, nado no 1979, combina a súa experiencia nas artes escénicas, a educación non formal e o ámbito social na súa traxectoria como contador de historias.

Para o martes 10, o festival acollerá a Charo Pita, tamén nos Xardíns de Marescot e con acceso libre.

A narradora galega, con 30 anos de experiencia contando relatos de tradición oral e de creación propia, ten creado diversos espectáculos nos que mestura a narración coa música e o debuxo, colaborando con artistas como Óscar Villán, Francisco Luengo e Xoán Curiel, entre outros.

O festival Sete Falares continuará a súa programación ata o vindeiro domingo 15 de xuño, ofrecendo aos asistentes algunhas das mellores propostas do panorama actual da narración oral.

Toda a programación pode consultarse nesta ligazón.

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora