Sete Festivais Rías Baixas pensados para gozar da "mellor música, nos mellores espazos e coa mellor xente"

Pontevedra
24 de maio 2019

Neste 2019 os festivais Rías Baixas promoveranse como #FameDeFestivais no marco da campaña de promoción turística "Fame de experiencias", escollida pola Deputación para divulgar a provincia de Pontevedra

Presentación dos Festivais Rías Baixas
Presentación dos Festivais Rías Baixas / Mónica Patxot

O Palacete das Mendoza en Pontevedra acolleu este venres a presentación dos Festivais Rías Baixas 2019.

Comezarán o 4 de xullo co PortAmérica en Caldas de Reis (4-6 de xullo), continuarán co Vive Nigrán (19-20 xullo), SinSal na Illa de San Simón (25-28 de xullo), Atlantic Fest na Illa de Arousa (26-27 xullo), SonRías Baixas en Bueu (1-3 agosto) e se estenderán ata o 11 de agosto, día de remate dos festivais Revenidas en Vilagarcía e O Marisquiño en Vigo (que terán lugar entre o 9 e 11 de agosto).

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada dos promotores dos sete festivais, convidou á cidadanía da provincia a asistir a este eventos para "desfrutar da mellor música, nos mellores espazos e rodeadas e rodeados da mellor xente".

Na presentación destacouse que estes festivais "dan a mellor cara da provincia de Pontevedra" xa que están organizados en espazos "paradisíacos" e contan coa gastronomía que os complementa "un mundo de experiencias, de emocións, de sensacións que teñen como obxectivo final acadar a felicidade", destacou a presidenta provincial.

Silva tamén subliñou a capacidade de compromiso dos festivais coa igualdade e co medio ambiente.

Neste 2019 os festivais Rías Baixas promoveranse como #FameDeFestivais no marco da campaña de promoción turística "Fame de experiencias", escollida pola Deputación para divulgar a provincia de Pontevedra.