Siloé rebenta a Festa do Marisco cun concerto para lembrar

O Salnés
11 de outubro 2025
Actualizado: 18:13

A produtora calcula que arredor de 10.000 persoas se deron cita para ver a Siloé en directo, mentres que desde o Concello falan de máis de 5.000 asistentes

Concerto de Siloé Concello do Grove

A banda vallisoletana Siloé fixo historia este venres na Festa do Marisco do Grove, enchendo ata a última esquina o recinto do Corgo nunha noite que quedará gravada na memoria de moitos. A carpa de concertos xa estaba a rebordar media hora antes de que comezase o espectáculo, e cando os primeiros acordes soaron, o ambiente era simplemente espectacular.

A produtora calcula que arredor de 10.000 persoas se deron cita para ver a Siloé en directo, mentres que desde o Concello falan de máis de 5.000 asistentes, o que, en calquera caso, confirma que o concerto foi un auténtico éxito de público.

O alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, non ocultaba a súa satisfacción ao afirmar que "foi o segundo mellor venres da historia, só por detrás do de 2023, e daquela había ponte. Así que estamos máis que contentos". 

E engadiu con entusiasmo que "o deste venres apenas o lembro eu no Grove, e hoxe parece que imos polo mesmo camiño".

Durante unha hora e media, Siloé conquistou ao público cun repertorio cheo de enerxía e emoción, interpretando os seus temas máis emblemáticos baixo a súa xa característica cruz sobre o escenario.

A conexión entre banda e público foi total: corearon cancións, bailaron sen parar e gozaron dunha posta en escena moi próxima.

Un dos momentos máis especiais da noite chegou cando Fito Robles, o vocalista, decidiu sorprender ao público desprazándose ata o outro extremo da carpa para cantar desde alí, facendo que os máis afastados tamén tivesen un momento único a carón do artista.

Concerto de SiloéConcello do Grove

Siloé era un dos pratos fortes do cartel musical deste ano, e non defraudou. Ao contrario xa que superou todas as expectativas e converteu o recinto gastronómico nun auténtico festival indie rock ao aire libre.

Un éxito máis que suma puntos á aposta musical do Concello do Grove, que celebra xa dez anos con este formato de concertos na Festa do Marisco, consolidándose como un dos grandes atractivos do evento.

Público no concerto de Siloé    Concello do Grove