A Sociedade Coral Polifónica centra a primeira mostra de 2025 no Museo con Pontevedra como eixo creativo

Pontevedra
04 de febreiro 2025

Catro das exposicións que se mostrarán este ano no Museo de Pontevedra subraian a importancia da cidade do Lérez en diversos ámbitos sociais e culturais

Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra co pano de fondo deseñado por Castelao Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra

Na mañá deste martes 4 de febreiro, o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez e a directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, presentaron a programación para este 2025.

Esta iniciativa ofrece un enfoque centrado na propia cidade como figura fundamental. Esta actúa como nexo en catro mostras que resaltan a arte pontevedresa. 

A primeira exposición é a ‘Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra 1925-2025, un século de música coral en Galicia’, comisariada polo ex director da entidade Xosé Carlos Valle Pérez. Esta comeza no mes de marzo estendéndose ata abril.

A mostra fai un percorrido polos cen anos de historia da música coral galega, destacando os panos pintados por Castelao para estas representacións. 

A directora do Museo resaltou que “son tan grandes que non se poden exhibir nas salas, pero si teremos reproducións que servirán para achegarnos a estas obras tan singulares dentro da súa produción”.

Foto antiga da actual Praza de Curros Enríquez. Museo de Pontevedra

No outono terá lugar a exposición ‘Debuxar coa luz. A fotografía en Pontevedra no século XIX’.

A mostra é un achegamento á obra dos fotógrafos pontevedreses, ben profesionais ben afeccionados da época. Expoñeranse imaxes inéditas co afán de poñer en foco o valor patrimonial deste medio.

No último trimestre abrirán as exhibicións adicadas a creadores da contorna: unha retrospectiva do pintor Leopoldo Varela e outra sobre a vida do dramaturgo pontevedrés José Ruibal.

Varela, pintor do Porriño, fixo da cor o seu instrumento básico, sen importarlle o seu vínculo coa realidade. Por outra banda, Ruibal foi un escritor con eco internacional xa que foi un dos representantes do teatro de vangarda en España e con gran sona nos Estados Unidos.