SonRías Baixas e Revenidas, finalistas nuns Iberian Festival Awards aos que tamén opta a Festa do Marisco

O Salnés
30 de xaneiro 2025
Actualizado: 14:56

Os dous festivais pontevedreses conságranse así entre os dez mellores festivais deste formato da península. A Festa do Marisco entra por vez primeira entre os finalistas como mellor festa

Festival SonRías Baixas Ainhoa Lucirica

As Rías Baixas estarán ben representadas nos premios Iberian Festival Awards, uns galardóns que recoñecen anualmente os mellores festivais que se celebran en España e Portugal.

Dous festivais musicais, o Son Rías Baixas e o Revenidas, son finalistas na categoría de mellor festival de formato medio, mentres que a Festa do Marisco do Grove logrou entrar, por vez primeira, no abano de candidatos á mellor festa.

Os dous festivais pontevedreses conságranse así entre os dez mellores festivais deste formato da península, xunto a Noches del Botánico (Madrid), Festival Gigante (Guadalajara), Stone & Music Festival (Mérida) e outros cinco festivais de Portugal.

A Festa do Marisco, pola súa banda, comparte candidatura cunha única festa galega, o Asalto ao Castelo de Vimianzo. O resto dos nominados, desde os entroidos de Loulé e Torres Vedras á feira de São Mateus ou a Feira Nacional de Artesanato, son festividades portuguesas.

O Revenidas suma en total tres candidaturas, ao optar ao galardón tamén como mellor fotografía de festival (Christian Pérez) e mellor cobertura de vídeo (Xoán Tourís).

A actuación do dúo Galician Army no PortAmérica é finalista, pola súa banda, como mellor actuación electrónica. Non é a única candidatura para o festival de Portas, xa que tamén a Azucreira podería gañar como mellor recinto, ao que se suma a opción como mellor cobertura de vídeo (Esmerarte).

Por último, o festival Sinsal SON, que se celebra na illa de San Simón, terá catro opcións para gañar un dos Iberian Festival Awards. É finalista nas categorías de mellor promoción turística, mellor programación cultural, mellor recepción de visitantes e mellor contribución á igualdade.

Os gañadores daranse a coñecer o próximo 15 de marzo nunha gala que terá lugar na localidade portuguesa de Almancil (Portugal).