Un spot e un documental promoverán a riqueza patrimonial de Cerponzóns e a historia dos seus emigrantes

Pontevedra
02 de febreiro 2026
Actualizado: 14:15

O anuncio difundirase na web de Visit Pontevedra e nas redes sociais municipais. A estrea do documental será este venres 6 de febreiro, ás 20:00 horas, na sede da UNED

Presentación do spot e do documental sobre Cerponzóns
Presentación do spot e do documental sobre Cerponzóns / Concello de Pontevedra

Coincidindo coa celebración da Candelaria, Cerponzóns estrea dúas pezas audiovisuais que buscan poñer en valor a riqueza da parroquia e a historia dos seus emigrantes.

Foron presentadas este luns pola concelleira da área municipal de promoción da cidade, Anabel Gulías, e o secretario da asociación de veciños O Chedeiro, Juan José Esperón.

Ambos os dous dirixentes destacaron que con estes traballos, elaborados pola produtora pontevedresa Imaco, queren promover o patrimonio material e inmaterial de Cerponzóns.

Xorden da colaboración entre o Concello e o tecido veciñal, unha sinerxía que Gulías quixo agradecer especialmente, porque este tipo de propostas “aportan moitísimo valor engadido”.

A primeira das iniciativas é o anuncio promocional ‘Onde a historia segue viva’, no que se destaca o patrimonio da parroquia, a súa natureza e as súas historias, convidando á veciñanza do centro e doutros lugares a descubrir zonas do concello "menos coñecidas patrimonialmente". 

O vídeo estará dispoñible na páxina web de Visit Pontevedra e nas redes sociais municipais.

Esperón detallou que o spot mostra monumentos, paisaxes e tamén o tecido empresarial local, como o turismo rural ou a hostalaría, co fin de darlle pulo económico á zona.

O representante veciñal destacou que o vídeo serve de fío condutor cara ao segundo proxecto, xa que pecha coa imaxe dun neno cunha maleta, enlazando directamente coa temática do documental, titulado precisamente 'Unha maleta de cartón'.

O filme ten unha duración aproximada de algo máis de 40 minutos e recolle testemuños reais sobre a diáspora galega. A súa estrea será este venres 6 de febreiro, ás 20:00 horas, na UNED.

A edil pontevedresa describiu o documental como un "fiel reflexo" do que sufriu a parroquia pola emigración, lonxe de mitificala, mostrando as condicións da marcha e do retorno. 

Así, lembrou a importancia de non esquecer a nosa historia para "poñerse no lugar da xente que se achega aos nosos concellos en busca dunha oportunidade”.

O proxecto naceu dunha iniciativa veciñal xestada hai seis anos a través dun grupo de contacto con descendentes de emigrantes da parroquia residentes en países como Brasil, Arxentina, Australia, Francia ou Uruguai.

A cinta recolle precisamente as respostas destas persoas sobre os seus recordos e sentimentos cara á súa terra de orixe.

Ademais, a banda sonora do documental conta co tema orixinal Por eles, composto polo cantautor e veciño da parroquia Enrique Alvite