Surfing the Lérez, a "romaría do rock" que marca o inicio das Festas de Verán

Pontevedra
01 de xuño 2018

A Illa das Esculturas encherase de "romeiros do rock" o vindeiro sábado 16 de xuño. Xa está aquí unha nova edición de Surfing the Lérez, o festival que marca o inicio das Festas de Verán de Pontevedra

Presentación do festival Surfing the Lerez
Presentación do festival Surfing the Lerez / Alejandro Vila

A Illa das Esculturas encherase de "romeiros do rock" o vindeiro sábado 16 de xuño. Xa está aquí unha nova edición de Surfing the Lérez, o festival que marca o inicio das Festas de Verán de Pontevedra.

O festival, que foi presentado este venres pola concelleira de Festas, Carme da Silva, e o seu organizador, Marcos Rivas, ofrecerá un amplo programa de actividades a partir das doce da mañá destinadas a públicos de todas as idades.

Ese é, destacou Da Silva, "parte do éxito" do Surfing the Lérez, un evento deseñado para que "durante todo o día" póidase gozar en familia.

Ángel Stanich será o único artista "que non é galego" dentro do cartel do festival, segundo explicou Marcos Rivas. Xunto a el, haberá apostas "potentes" como Terbutalina, Agoraphobia, The Lákazans, Eladio y los seres queridos, La casa de los ingleses ou Furious Monkey House, que están a piques de editar o seu segundo disco.

Ademais, aos dous escenarios do festival subiranse Flip Corale, Oh! Ayatoláh, The Trunks, Soul Macklein & Possitive Band, Escuchando elefantes, The Limboos, Mad Martin Trio e a música de La Duendeneta.

Un terceiro escenario, protagonizado polos pequenos artistas do Estudo Bonobo, contará con 180 nenos e nenas. Haberá tamén obradoiros, unha zona infantil, un mercadiño de creadores e unha ampla oferta gastronómica de foodtrucks.

A gran novidade deste Surfing the Lérez é que, xunto cos concertos do sábado, haberá música durante toda a semana previa.

A Sala Karma acollerá o mércores 13 o concerto de Fogbound e Esteban y Manuel e, ao día seguinte, The Manueles actuará en El Pequeño e Matt and the Peabody Ducks farao en Sala Karma. Unha xornada infantil polas rúas e prazas da cidade, que terá lugar o venres 15, quentará motores para a gran cita do sábado.

Surfing the Lérez terá, como todos os anos, unha vertente solidaria. A entrada é gratuíta pero a organización pide aos asistentes que doen alimentos para a Rede Axuda. Así, nesta ocasión, solicitan expresamente que se entregue leite, galletas, café, cacao ou produtos de hixiene, xa que hai excedente de produtos como pasta, arroz e legumes.

Por primeira vez, tamén se poderán recoller tapóns a través da Taponeta Solidaria, que serán entregados posteriormente á fundación Amigos de Galicia para financiar o tratamento de nenos con discapacidades.