O goteo de nomes para a próxima edición do Surfing the Lérez non se detén. Tres son as novas incorporacións ao cartel do festival, que se celebrará na Illa das Esculturas os días 22, 23 e 24 de xuño. Son as de Boyanka Kostova, Zeltia Irevire e LaMontagne & PicoAmperio.
Boyanka Kostova repetirá un ano máis no Surfing the Lérez. Nesta ocasión chegan con disco recentemente saído ao mercado, Os meus peidos cheiran a pétalos perfumados. Con el, Cibrán García e Chicho do Funk, o dúo pioneiro do trap galego, volverán facer vibrar ao público.
A eles súmase o trío de folk tribal Zeltia Irevire. Virán desde Santiago de Compostela cun proxecto musical que, tras empezar con temas máis persoais, foi madurando progresivamente a unha esfera máis mística e reivindicativa.
Os sons futuristas e tecnolóxicos de LaMontagne & PicoAmperio tamén soarán en Surfing the Lérez, a través de bases de trip hop, moito flow e tinguiduras de contracultura. En Pontevedra presentarán en directo o seu primeiro disco, Algo que sinalar.
No Surfing the Lérez 2023 estarán, como xa se fora anunciando, Shego, The Rapants, Adrian Timms, Eggy, Visi e o DJ coruñés Gorllitox.
A entrada, como é habitual, será gratuíta e terá unha vertente solidaria.