Tanxugueiras subirá ao escenario da Praza de España para substituír a Pimpinela

Pontevedra
02 de agosto 2024

"Imos dar todo de nós", sinalaban Aida Tarrío, Sabela e Olaia Maneiro, que reaxustaron a súa apertada axenda de concertos para estar esa velada dominical nas Festas da Peregrina

Tanxugueiras na presentación do concerto xunto ao concelleiro de Festas, Demetrio Gómez Mónica Patxot

A música trad de Tanxugueiras será a que finalmente ecoe na Praza de España o domingo 18 de agosto en Pontevedra. O trío que conforman  Aida Tarrío, Sabela e Olaia Maneiro é a substitución anunciada polo Concello de Pontevedra para ocupar a actuación á que inicialmente puxeron nome o dúo Pimpinela.

As tres desvelaron persoalmente a súa incorporación ao programa de concertos das Festas da Peregrina. Confirmar a súa presenza nesta programación non foi sinxelo xa que "ante a proposta municipal tiveron que facer un esforzo para reaxustar a súa apertada axenda de concertos estivais", como sinalou o concelleiro de Festas, Demetrio Gómez, durante a presentación do evento.

"Estamos super contentas de estar en Pontevedra, aínda que foi complicado pechalo", sinalaban, engadindo que "Pontevedra é un sitio que nos encanta e imos dar todo de nós", lembrando igualmente que non é a súa primeira actuación nesta cidade e que xa estiveron co público pontevedrés na Ferrería.

Olaia, Sabela e Aida fusionan a música tradicional galega proveniente das pandereteiras con sons urbanos e electrónicos, conseguindo poñer con maiúsculas o seu nome entre a nova fornada de artistas e bandas de Galicia da chamada música trad.

A súa traxectoria tivo unha importante lombeirada tras a súa participación no Benidorm Fest en 2022; entón, aínda que non chegaron a ser as representantes para Eurovisión, o público quedou coa actuación de Tanxugueiras e foron reclamadas para festivais e concertos por toda España.

De entón agora, seguiron lanzando novos traballos, facendo cheos nos seus espectáculos, colaborando con numerosos artistas no lanzamento de cancións e recollendo premios.

Tras un exitoso peche da xira Midas o ano pasado, este 2024 continúan subindo aos escenarios cun novo espectáculo que ofrecerán en Pontevedra.