Meaño súmase á conmemoración do 17 de maio cunha axenda deseñada para achegar a figura e a obra de Begoña Caamaño a toda a veciñanza.
A programación, que comeza este xoves e se estende ata o vindeiro luns, combina as actividades formativas nos centros de ensino cos espectáculos abertos ao público.
O calendario arranca mañá, xoves 14 de maio, co teatro na escola. A compañía Xanela do Maxín presentará a peza A Gran Viaxe das letras até Begoña Caamaño perante o alumnado dos centros do municipio.
A función terá lugar ás 10:00 horas no CEIP Coirón-Dena e, posteriormente, ás 12:30 horas no CEIP As Covas-Meaño.
Na xornada central, o domingo 17, o protagonismo recaerá na música e no baile. O Centro Social de Dena acollerá, a partir das 12:30 horas, o concerto Pegadas, no que participarán estudantes das aulas de Linguaxe Musical e Guitarra da Escola Municipal de Música (EMMM).
A cita contará tamén coa actuación da Asociación Cultural Penaguda, que achegará a nota tradicional á celebración.
Como broche final, a Casa de Cultura de Meaño será o escenario o luns 18, ás 18:30 horas, da actividade As letras de Begoña.
Trátase dunha sesión de contacontos ilustrados pensada para profundar no legado da escritora e xornalista viguesa á que se lle dedica este ano a festividade.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.