Teatro para poñer o foco na outra cara da moeda

Pontevedra
16 de novembro 2018

O Teatro Principal acolleu a estrea de Invisibles, a obra baseada no libro do mesmo título de Montse Fajardo que pon sobre o escenario sete historias de malos tratos das que poucas veces se fala nunha sociedade na que as mulleres parecen tocadas polo don da invisibilidade 

Estrea de 'Invisibles' no Teatro Principal de Pontevedra Mónica Patxot

Exercicio número 1. Tente poñerse en situación. Unha sociedade na que as mulleres aínda parece que están tocadas polo don da invisibilidade, na que a luz é especialmente escasa cando se fala de vítimas violencia machista e na que, con todo, cando se produce un episodio de malos tratos, o foco acaba poñéndose sobre quen o sofre e non sobre quen condena á súa parella ou ex parella ao calvario, 

Exercicio número 2. Unha vez situado, tente imaxinar que ese contexto, que lle será facilmente reconocible porque é a sociedade na que vive, non aparece silenciado.

Exercicio número 3. Tente pensar nun método para dar visibilidade a todas esas historias de malos tratos que se viven día a día e en silencio nesa sociedade. 

Xa pode esquecer o exercicio número 3. En Pontevedra, alguén deu xa coa resposta: Invisibles. Hai un ano chegou en forma de libro da man da xornalista e escritora Montse Fajardo como un fogonazo de luz para a campaña municipal do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Este xoves chegou de novo, coa mesma intensidade, pero distinto formato, en forma de obra de teatro.

Tres actrices, Sheyla Fariña, Mela Casal e Nieves Rodríguez, representaron sobre o escenario do Teatro Principal esa sociedade descrita no exercicio 1 cunha proposta da compañía Redrum Teatro, o Centro Dramático Galego e o Concello de Pontevedra que non deixou indiferente ao público que xa hai días esgotara todas as localidades dispoñibles, tanto ao adolescente que asistiu á representación previa para institutos pola mañá como ao de todas as idades que estivo na estrea oficial pola noite. 

Non hai mellor proba do impacto que o silencio que reinou durante a representación e, sobre todo, unha vez que as luces volveron iluminar o patio de butacas e os espectadores resistíronse a volver afacer a retina a un mundo no que a invisibilidade e o silencio volve imperar para as mulleres. 

Nieves, Sheyla e Nela representaron sobre o escenario as historias de malos tratos das sete mulleres ás que un ano antes retratara Montse Fajardo. Foi baixo a dirección de Marián Bañobre e cunha proposta na que todo o peso do relato recaeu sobre o seu bo facer como actrices e a versatilidade de interpertar vidas tan diferentes e á vez tan iguais como as de Eva, Ana, Marga, Irene, Begoña, Tina e Mariluz (se buscaba un spóiler, aquí non o terá, deberá ver a obra que nos próximos días chegará a Viana do Bolo, Vilagarcía e Milladoiro ou ler o libro). 

Elas son as verdadeiras protagonistas de historias reais que só nalgún caso se ocultan sobre nomes ficticios, que dúas delas non poden contar porque un maltratador ao que a sociedade ocultaba arrebatoulle a vida e das que, moitas veces, só se coñece unha das caras da moeda, a visión que dá o maltratador e que a sociedade 'compra' como boa. 

Invisibles mostra esoutra cara da moeda, a da muller que recibe insultos, a da ameazada, a que xa asimila como parte do seu día que a chamen puta e lle peguen, a de quen chega a pensar que é máis levadío levar un golpe porque a dor física pasa antes que seguir sometida a quen a ningunea e lle demostra que hai unha dor máis forte, a que non deixa mazaduras e fai dano por dentro

Valéndose de recursos escénicos como xogos de luces e música e do apoio dunha cámara de vídeo que se converte en testemuña dun casting ao que nunca estará libre de acabar presentándose calquera muller, a obra acaba recreando esa dor, logra que o espectador se meta na pel dunha muller que non daba o suposto perfil que os estereotipos desta sociedade considera que ten unha muller maltratada. Logra mesmo que consiga empezar a entender esa impotencia e tristeza incurable unha nai á que o seu maltratador lle arrebatou aquilo co que máis dano podería facerlle, o seu fillo,

"Por que non se pon o foco sobre eles?", preguntáronse as actrices no tramo final da representación, cando xa dificilmente quedaba un espectador sen soltar unha bágoa ou limpar o nariz. A resposta non a teñen elas nin se debuxa sinxela para o resto da sociedade, pero con iniciativas como Invisibles resulta máis fácil abrir a mente, tomar conciencia e empezar a construír unha sociedade que rompa con esas dinámicas, que axude a detectar os malos tratos e que poña voz a ese silencio de quen queda tan anulada que non é capaz de gritar o seu calvario.