Dúas grandes lonas, colocadas na fachada da Casa Consistorial, e un circuíto de anuncios por toda a cidade dá visibilidade á campaña que con motivo do 25-N, día internacional da non violencia contra a muller, pon en marcha o Concello de Pontevedra.
Baixo o lema "Se é un maltratador nunca é bo pai", o goberno municipal busca poñer o foco na necesidade de afastar aos menores dun pai maltratador e reivindicar que os nenos e nenas tamén son vítimas da violencia machista que sofren as súas nais.
Esta "obrigada relación" co maltratador, segundo a concelleira de Igualdade, Carmen Fouces, é una relación "moi invisibilizada" e que ten consecuencias tanto no presente como no futuro dos menores "que como sociedade non nos podemos permitir".
O despregue das dúas lonas na Praza de España marcou o arranque da campaña gráfica que se deixará ver en todo o concello. No balcón estiveron edís de todos os grupos municipais da corporación, co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores á fronte.
Con esta campaña, Pontevedra reivindica que "non nos podermos permitir" que haxa menores criados e atendidos por homes maltratadores e sinala que "é unha responsabilidade de todo o mundo lanzar un berro para que entendan que non é posible que un maltratador poida chegar a ser un bo pai".
"Unha persoa que atenta contra a nai, contra a súa parella ou que planifica atentar contra ela nunca poderá ser un bo pai", engadiu Carmen Fouces, xa que os valores que lle pode transmitir ao menor "van a ser uns valores baseados na violencia".
A este respecto, o goberno municipal recorda que os maltratadores de hoxe "foron os menores que no seu día foron criados polos maltratadores de onte", e se non se para este ciclo de violencia "mañá vamos a ter outra remesa de persoas que lamentablemente van a estar vendo como referentes este tipo de actitudes".
A iniciativa municipal tamén reclama que igual que hai ordes de afastamento para mulleres vítimas da violencia machista ten que habelas para os nenos e nenas.
A estrea teatral de Invisibles e a exposición fotográfica Namórate de ti -aberta na Casa da Luz ata o 25 de novembro- foron os primeiros pasos da campaña deseñada pola concellería de Igualdade, que agora chega á rúa e que se completará coa presentación do informe #PrimAcoso, relatos das primeiras experiencias da violencia nas vidas das mulleres.