Pontevedra impulsará un plan de atención psicolóxica a menores vítimas da violencia machista

Pontevedra
08 de outubro 2019

Os nenos e nenas que sofren a violencia machista son, a miúdo, os grandes esquecidos nos plans de atención que as autoridades impulsan para atender ás vítimas desta secuela social. Por iso, en Pontevedra estes menores dispoñerán dun programa específico

Comisión de seguimento do programa CaixaProinfancia
Comisión de seguimento do programa CaixaProinfancia / Concello de Pontevedra

Os nenos e nenas que sofren a violencia machista son, a miúdo, os grandes esquecidos nos plans de atención que as autoridades impulsan para atender ás vítimas desta secuela social. Por iso, en Pontevedra estes menores dispoñerán dun programa específico.

O goberno municipal, a través da concellería de Benestar Social, quere poñer en marcha un plan de atención psicolóxica aos nenos e nenas de Pontevedra que foran vítimas da violencia de xénero. Será a través do proxecto CaixaProinfancia, en coordinación coa Fundación Meniños e o Centro de Información á Muller (CIM).

A proposta xurdiu nun encontro da comisión de seguimento do programa CaixaProinfancia, na que se informou que este proxecto solidario prestou atención de carácter transversal a 59 familias e 102 nenas e nenos, nos ámbitos de Monte Porreiro, Salcedo e Pontevedra leste.

O programa, coordinado na cidade pola Fundación Meniños en colaboración con Benestar Social, permitiu ofrecer servizos nas áreas de reforzo educativo, lecer e tempo libre, apoio psicoterapéutico, saúde e hixiene e apoio familiar.

Estes servizos foron prestados, ademais de por Meniños, pola Fundación Secretariado Gitano, a Federación Provincial de Anpas (Fanpa), a Asociación Déficit de Atención e Hiperactividade (Adahpo) e a Sociedad Deportiva Teucro. 

A edil de Benestar Social, Paloma Castro, destacou que a intención deste programa é acadar unha cobertura de carácter transversal, unha "balsa de aceite" contra as situacións de risco e vulnerabilidade dos menores que viven en Pontevedra.