A 'tertulia' de Fillas de Cassandra estrearase en directo en Pontevedra

Pontevedra
02 de febreiro 2026
Actualizado: 16:32

O dúo formado por María SOA e Sara Faro presentará 'Tertúlia', o seu novo disco, o próximo 9 de maio en Pontevedra. Será a estrea absoluta do seu novo espectáculo en directo

Fillas de Cassandra Arantxa Brandón

Pontevedra foi a cidade elixida polo dúo galego Fillas de Cassandra para estrear en directo o seu novo disco, Tertúlia.

Será cun concerto que se celebrará o sábado 9 de maio no Recinto Feiral.

María SOA e Sara Faro, as integrantes de Fillas de Cassandra, publicarán na primavera este novo disco, producido por Cantamarta e elas mesmas.

Nel, a banda expande a súa linguaxe creativa e as súas voces mestúranse nos temas coa poética, coa música -con especial protagonismo das bases electrónicas- e coas harmonías corais.

Ritmos híbridos, xéneros e voces diversas conflúen nun álbum que o dúo describe como "rabiosamente contemporáneo e feminista" e que se presentará ao público "como unha praza aberta, un lugar de reunión, de conflito e de celebración"

No concerto que ofrecerán en Pontevedra, Fillas de Cassandra promete "saír á fresca" e derrubar a cuarta parede para dialogar e conversar co público, tanto dentro como fóra do escenario.

Así, as persoas asistente á presentación poderán gozar tanto da nova posta en escena como da instrumentación.

Ademais poderán volver, puntualmente, a algúns dos grandes éxitos das creadoras e do seu disco debut, Acrópolis.

As entradas para o concerto sairán á venda este mércores 4 de febreiro, a partir das 12.00 horas, na plataforma de venda en liña Woutick.com.