O primeiro andar do mercado de abastos de Pontevedra retomará este mes de maio o ciclo ‘Conversas do primeiro andar’, unha iniciativa que procura achegar o proceso creativo ao público nun ambiente distendido.
A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, e o promotor Marcos Rivas presentaron esta mañá unha programación que destaca pola súa aposta polo talento galego actual e pola calidade das súas propostas.
O gran atractivo desta edición será a presenza de The Rapants o vindeiro 21 de maio ás 20:00 horas. O grupo, que está a vivir un momento de excepcional éxito de público, protagonizará unha charla moderada polos xornalistas Belén López e Álex Espiño, redactor cultural de PontevedraViva.
Durante o encontro, os integrantes da banda de Muros falarán do seu novo traballo discográfico 'Rapants Club', publicado en marzo, e asinarán exemplares do álbum.
Segundo explicou a organización, o interese que esperta a banda é tan alto que tiveron que solicitar máis existencias para dar resposta á demanda de discos e merchandising que están a xerar. No Mercado haberá a posibilidade de adquirir produtos desta banda indie galega.
"O efecto The Rapants é incríble", afirmaba Marcos Rivas durante a presentación sinalando que están acadando cifras de éxito masivo nas súas actuacións.

A axenda de maio abrirá, porén, o sábado 16 ás 13:00 horas coa participación de Lúa Mosquetera. A artista, recoñecida pola súa faceta como poeta e o seu traballo no bordado, conversará coa xornalista Susana Pedreira sobre as súas novas formas de expresión artística e a súa obra.
O ciclo pechará o sábado 23 de maio, tamén ás 13:00 horas, coa música urbana de 9Louro e Nadie González. Baixo a moderación de Daniel (O Rincón de Daniel), redactor da revista cultural MondoSonoro, a sesión afondará nas novas linguaxes musicais que están a marcar un feito diferencial en Galicia.
Marcos Rivas sinalou a importancia de que estes artistas novos aposten pola creación en galego, seguindo o camiño aberto por figuras como Chicho del Funk, de Ortiga, as Tanxugueiras ou Fillas de Cassandra.
Anabel Gulías subliñou que esta programación é unha das máis coidadas do Concello e puxo en valor o esforzo por converter o mercado nun espazo de convivencia e intercambio cultural, mesturado con cultura, arte e creatividade.