The Rapants, Panorama ou El Combo Dominicano para un verán no que Soutomaior "é moito"

Soutomaior
17 de xuño 2025

O alcalde, Manu Lourenzo, presentou este martes todo este programa cultural, lúdico e festivo co que Soutomaior demostrará ser "vivo, dinámico e activo" para veciños e visitantes

Presentación do programa festivo 'Soutomaior é moito'
Presentación do programa festivo 'Soutomaior é moito' / Concello de Soutomaior

Baixo o lema "Soutomaior é moito", o goberno municipal preparou unha intensa actividade festiva e cultural para os meses de verán, unha programación que o alcalde, Manu Lourenzo, definiu como "rompedora, viva e dinámica".

Lourenzo, que estivo acompañado pola edil de promoción económica, Rosana Comesaña, e a técnica da OMIX, Sonia Pintos, presentou este martes todo este programa co que Soutomaior demostrará ser "vivo, dinámico e activo" para veciños e visitantes.

Desde o goberno local agardan que todo o investimento nesta axenda lúdica e cultural reverta nun incremento en beneficio da hostalería e comercio do concello.

"Estamos convencidos de que este verán suporá un antes e un despois, non hai referencias en todo o tempo de tantas actividades e cunha oferta tan diversificada como o deste ano", reivindicou o alcalde, que destacou que haberá propostas para todos os públicos.

A primeira festa que celebrará o concello será o San Xoán na noite do 23 de xuño coa actuación de Son das Tabernas, espectáculos de rúa a cargo de Troula, un espace room das herbas de San Xoán e unha fogueira adaptada.

A seguinte será a Orghullosa, a segunda festa das entidades diversas e disidentes, que se celebrará ao longo de toda a xornada na carballeira do peirao e que contará con actuacións musicais como as de Meiga-I ou The Tetas´Van.

O 6 de xullo chegará o Rebulir, un festival de danza contemporánea que contará con espectáculos recoñecidos e premiados e se celebrará en diferentes espazos do concello.

O sábado 12 de xullo será a quenda dos Concertos de verán coas actuación de The Rapants, Rebeliom do Inframundo e La Duendeneta.

Imaxe promocional de The Rapants
Imaxe promocional de The RapantsThe Rapants

Pola súa banda, do 1 ao 7 de agosto chegarán un ano máis as Festas do Patrón, un evento propio que contará coa actuación da Mekánica Rolling Band ou das principais orquestras do país como son a Panorama, o Combo Dominicano, América de Vigo ou Gran Parada.

Xa o 16 de agosto a tradición do mar encherá o peirao de Arcade cunha nova edición da Recalada, que contará con moitas actividades e cos directos de Abeleiras de Alxán, Os Carunchos e Chispas do Lérez, entre outros.

E a fin de semana do 23 e 24 de agosto chegará unha nova edición do Punkativada, o festival para xente miúda que aterrará coas mellores propostas, entre as que se atopa a actuación de Uxía Lambona e a Banda Molona, Peter Punk ou Banda dos insectos.