A Carballeira de Santa Lucía converterase este domingo nun escenario para o rock feito en Galicia coa actuación de The Teta’s Van, que chegará a Moraña dentro do programa +Música.
O concerto, con entrada libre, comezará ás 20.00 horas e permitirá ao público achegarse a unha das bandas máis singulares da escena galega.
O grupo naceu en 2011 con motivo dun concurso no que os seus integrantes puxeron música a un poema de Ricardo Carvalho Calero. A súa proposta, coa canción Luisa Sorriso, acabou conquistando o premio do público e marcou o inicio dunha traxectoria na que combinaron versións de clásicos do rock and roll con temas propios e unha clara aposta pola presenza das mulleres no panorama musical galego.
Desde aquela, The Teta’s Van percorreu numerosos escenarios de Galicia cun repertorio no que mesturan cancións en inglés e en galego, cun estilo marcado pola enerxía das súas actuacións e por unha mirada reivindicativa sobre o papel feminino na cultura.
A cita de Moraña forma parte da programación de +Música, unha iniciativa coa que a Deputación de Pontevedra achega actuacións musicais aos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes.
Nesta edición están previstas 93 actuacións en 58 municipios entre maio e decembro, cun investimento de 700.000 euros destinado a facilitar a programación cultural nos diferentes territorios.
Co concerto de The Teta’s Van, Moraña súmase así a unha programación que busca levar propostas musicais diversas máis alá dos grandes núcleos urbanos e manter viva a actividade cultural durante todo o ano.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.