Once compañías chegadas desde Cataluña, Valencia, Zaragoza, Burgos, Madrid ou Portugal protagonizarán a décimo quinta edición de Itineranta, o festival de animación que acollerá Pontevedra os días 15, 16 e 17 de xullo dentro das súas Festas de Verán.
O edil de cultura, Demetrio Gómez, destacou que o festival pasou de ser "o único que había en todo o Estado" con estas características, a ser un evento que hoxe en día posúe unha "maior solera" e ao que "todos os grupos queren vir".
É así, engadiu, pola "extraordinaria" resposta do público a todas as súas propostas e ao "ambientazo" que se xera na cidade durante os días que se celebra.
As actuacións, que percorrerán todo o centro histórico de maneira itinerante, comezarán cada día ás sete e media da tarde.
Arrancarán con propostas cun formato "máis familiar e interactivo" e que terán paradas teatralizadas polas principais prazas, segundo explicou Laura Gabriel, representante da compañía Troula, coordinadora de Itineranta.
O final do día, pola súa banda, estará reservado para os grandes e vistosos espectáculos con lume e pirotecnia.
Así, o mércores 15 'invadirán' o espazo público os excéntricos bombeiros de Les Pompiers da compañía catalá Cía La Tal.
A eles sumaranse os personaxes dos anos 60 e 70 que pasean en zancos de Disco Funk, dos zaragozanos K de Calle, e o mundo postapocalíptico en chamas de Herederos del fuego, dos valencianos Pyros Espectáculos.
O xoves 16 desfilarán o extravagante Seat 600 de Carman, de Javier Ariza; ou a carreira de bicicletas excéntricas que protagoniza a compañía valenciana de circo La Finestra no espectáculo Pilots.
La calle es nuestra dos cataláns Drinking Marching Band coa súa mestura de música de alta calidade e gags surrealistas e o espectáculo musical e pirotecnico Su Talka, da compañía vasca Deabru Beltzak, completarán a xornada.
Itineranta chegará ao seu fin o venres 17 coa familia de jirafas que propón os cataláns Xirriquiteula en Jirafes ou co expresionismo da caricatura que desenvolven os portugueses Pía en Caricature.
O Carrusel ambulante da compañía circense Tiritirantes e os dragones e bestas de inspiración grega de La Fam e a súa Quimera porán o broche a esta edición de Itineranta.
A todos os espectáculos sumarase o labor de 'Itineranto', o personaxe interpretado por Juan González (membro de Troula desde hai 24 anos), que será o fío condutor do tres días do festival.
Será o encargado de animar aos espectadores e de xerar expectación entre o público antes do inicio de cada unha das actuacións.
"Pontevedra vai a ser un gran escenario e todo o que queira pode ser partícipe deste festival", subliñou a súa coordinadora, que destacou a importancia que ten que propostas culturais como estas sexan "accesibles" para toda a cidadanía.
A este respecto, para os espectáculos de lume a organización recomenda acudir con roupa vaqueira e gorra, no caso de querer introducirse plenamente neles.
Advirten ademais, pensando nas persoas con alta sensibilidade ao ruído, de que no tramo final de cada xornada haberá espectáculos con luces intensas e estalidos.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.