Francesco Tonucci falaba durante a tarde deste venres da súa faceta como debuxante, baixo o pseudónimo de Frato, no Pazo da Cultura antes da inauguración oficial da exposición que permanecerá aberta ao público ata o 11 de xuño na sala de exposicións do recinto.
O autor, acompañado da actriz pontevedresa Bea Campos, explicaba como iniciara a súa traxectoria como autor de tiras cómicas, hai xa 40 anos, con personaxes tan simbólicos e característicos que utilizando a ironía reflicten as preocupacións dos nenos.
Desta forma, ante numeroso público, principalmente novos, foi mostrando as súas viñetas e explicando os conceptos fundamentais dos seus traballos nos que tenta empregar o humor para que os adultos reflexionen sobre a educación.
O autor, recentemente galardoado co Honoris Causa pola Universidade de Oviedo, sinalaba que está a preparar un novo libro no que se centrará na utilización da bicicleta como medio de transporte.
Tonucci reclamaba tamén á Xunta de Galicia, á Deputación e ao Concello a implantación dunha materia nos programas educativos sobre a bicicleta.