Os nenos do Froebel estrean o primeiro roteiro Tonucci

Pontevedra
08 de maio 2017

Con gorras vermellas co lema 'Cidade d@s nen@s. Perdoen as molestias, estamos a xogar para vostedes', os rapaces percorreron os espazos públicos da cidade "gañados ao coche"

Roteiro Tonucci
Roteiro Tonucci / Deputación de Pontevedra

Un cento de rapaces de primeiro a cuarto de Primaria do colexio Froebel participaron este luns da man de Migallas no primeiro "roteiro Tonucci" organizado pola Deputación de Pontevedra.

Con gorras vermellas co lema 'Cidade d@s nen@s. Perdoen as molestias, estamos a xogar para vostedes',  percorreron os espazos públicos da cidade "gañados ao coche".

A xornada comezou no Pazo Provincial da man do vicepresidente César Mosquera que deu a benvida ós rapaces, explicoulles que "os políticos decidimos retirar os coches das rúas para que poidades xogar", e animounos a "pasalo ben!".

De seguido, a compañía de teatro Migallas empezou un percorrido polas prazas da cidade buscando pistas, xogando, bailando e cantando ata chegar á praza da Pedreira. 

A primeira parada foi a estatua dos Heroes de Pontesampaio, na Praza de España. Alí, os monitores lembraron que antes pasaban por esa praza miles de coches… "e agora celébranse as festas da Peregrina", dixeron. "A primeira proba? Pois bailar e cantar como se fosen as festas".

Despois tocou descansar, e sentados todos á sombra, os escolares celebraron un pequeno "consello dos nenos" como o que propón Francesco Tonucci para que os pequenos aporten a súa visión da cidade e colaboren co alcalde no seu deseño. Nesta ocasión as peticións para Fernández Lores foron claras, e chegaron da man de Sofía, Roque, Iria e Martín: menos coches e máis transporte público, máis sitios para xogar, máis zonas verdes, menos contaminación e máis poder de decisión para poder facer as cousas que lles gustan aos nenos.

A seguinte pista estaba na avenida de Santa María. Alí correron para xogar a pillar, xogaron á roda do lobo, volveron bailar e cantar. As adiviñas leváronos ata o cruceiro das Cinco Rúas e despois ata a praza de Méndez Núñez, onde despois de recoller unha pista na Casa dos Paraugas.

A xornada de mañá rematou pouco antes das dúas da tarde na Praza da Pedreira onde, había xogos tradicionais.

Está previsto que nas vindeiras semanas participen tamén dos roteiros Tonucci da Deputación escolares de Lalín, O Porriño, Pontevedra, Tomiño, Vilanova de Arousa, As Neves e Tui, entre outras localidades.

Todos eles súmanse aos visitantes da exposición do Pazo da Cultura, que estará aberta ata o 11 de xuño con visitas concertadas con centros escolares e tamén permite o acceso de xeito gratuíto todos os días da semana a toda a cidadanía. A mostra é unha compilación de viñetas de Frato e un grande campo de xogos e experimentación para os máis pequenos.