O Concello de Pontevedra e a Asociación de Gaiteiras Galegas organizan a vixésimo sétima edición do Memorial Ricardo Portela, que se celebrará na cidade desde o venres 10 ata o domingo 12 de xullo.
O concelleiro de Festas e Cultura, Demetrio Gómez, xunto con Alberto Pires e Erica Iglesias, vogais da asociación, presentaron o programa, que nesta ocasión rende tributo ao gaiteiro de Aldán José Fernández Canosa, coñecido como "O ghaiteiro do Piñeiro".
A programación estrutúrase arredor da XXIV Mostra de Artesáns de Instrumentos Tradicionais, situada no paseo de Antonio Odriozola.
Neste espazo van xuntarse construtores de gaitas, percusión e corda, segundo avanzou Erica Iglesias. O venres abrirá en horario de tarde, de 17:00 a 21:30 horas, mentres que o sábado e o domingo permanecerá activo de 11:30 a 14:00 horas e de 17:30 a 21:30 horas.
Os concertos do serán desenvolveranse ás 21:00 horas na Praza da Ferrería. O venres abrirá as sesións o grupo Acordeireta, o sábado será o quenda de Cantares do Brión; e o domingo pechará o ciclo a formación Zarandela.
O acto central do sábado ás 21:00 horas focalizarase na homenaxe á figura de José Fernández Canosa, falecido en 2025 aos 89 anos.
O músico formouse no ámbito familiar e estendeu a súa actividade na comarca do Morrazo a través de formacións como Airiños do Piñeiro, Airiños do Mar do Hío, Airiños do Castelo ou Airiños do Liboreiro
Fernández Canosa destacaba pola conservación do estilo de toque pechado, o emprego do venteo con toda a man e o seu papel como gaiteiro da danza de Aldán, localidade onde unha rúa leva o nome de Camiño do Ghaiteiriño en recoñecemento ao seu labor de transmisión musical.
O son da gaita en movemento percorrerá as prazas e rúas da zona antiga en diferentes horarios. O venres ás 17:30 horas participan Cantigas e Frores, Herba Grileira e Par de Par.
O sábado 11 a partir das 11:30 e das 18:00 horas percorrerán as rúas Airiños de Carril, Os Enxebres de Cacheiras, Os Picurruchos e Picuiña.
Durante o domingo, tamén en horario de mañá e tarde, as gaitas deixarán o son pola cidade da man de Boudebou, Faíscas de Solobeira, Gaiteiros das Rías Baixas e Os Folieiros.