Poio segue avanzando na composición do cartel musical da XXXI edición da Festa da Ameixa de Campelo, que se celebrará na Praza da Granxa entre os días 14 e 16 de setembro. O último nome en coñecerse é o de Treixadura.
O grupo de música tradicional actuará en Campelo o venres 14 de setembro. Súmase ás actuacións xa confirmadas anteriormente, a do dúo Andy y Lucas (sábado 15) e a da orquestra Claxxon (domingo 16).
Treixadura, que leva sobre os escenarios desde a década dos 90, presentará en directo o seu novo disco, Inda canto, que cualifican como unha aposta por reinventarse e seguir explorando camiños musicais dentro da tradición galega.
Dende a Concellaría de Turismo continuarán a traballar na confección dun amplo e variado programa de actividades destinado a todos os públicos, no que os máis cativos tamén serán protagonistas con actividades como unha nova edición da festa infantil pirata.
A Festa da Ameixa, como en anteriores ocasións, homenaxeará as mariscadoras das tres confrarías presentes na ría de Pontevedra xubiladas no ano 2017 e tamén contará co II Concurso de Fotografía Festa da Ameixa, cun prazo para a presentación de fotografías que abrangue dende o 1 de xullo ata o 20 de agosto, e cuxo tema para esta edición é o mar.