Tucho Buceta, de Liñares, homenaxeado deste ano na Festa dos Maios de Poio

Poio
15 de abril 2025
Actualizado: 17:47

O Concello e diferentes colectivos de Poio poñen en valor a traxectoria de Tucho, unha das persoas que impulsaron a recuperación desta tradición en Poio a principio dos anos 80

Ángel Moldes e Francisco Buceta González, 'Tucho'
Ángel Moldes e Francisco Buceta González, 'Tucho' / Concello de Poio

A Festa dos Maios de Poio renderá homenaxe este ano a Antonio Buceta González, 'Tucho', un veciño de Liñares de 76 anos que, nos 80, foi unha das persoas que impulsaron a recuperación desta tradición no municipio. 

O recoñecemento será o propio día 1 de maio, no transcurso da exhibición e concurso dos Maios na Praza do Mosteiro, respondendo a unha iniciativa posta en marcha polo Concello o ano pasado para agradecer o traballo de todas as persoas que traballaron para recuperar esta tradición.

Tucho Buceta foi seleccionado polo Concello de Poio e por diversos colectivos do municipio pola súa contribución nas últimas décadas a recuperar, difundir, conservar e expandir a tradición dos maios dentro e fóra do municipio.  

Así, poñen en valor a traxectoria de Tucho e destacan que colaborou con diferentes colectivos do municipio, apostando sempre pola calidade das letras das coplas e respectando as características e composicións tradicionais dos maios. 

Tucho comezara a participar nos Maios en Pontevedra en 1978 e a principios dos anos 80, xunto con outras persoas de Poio, decidiu apostar por recuperar esta festa da primavera tamén no seu concello. 

Desde o Concello de Poio lembran que a súa paixón polos maios traspasou fronteiras, e durante os anos que emigrou a Suíza, facía escapadas co seu fillo para participar nos Maios de Poio e tamén continuou neste país coa súa paixón por esta festa tradicional. 

O alcalde, Ángel Moldes, reuniuse con Tucho Buceta e desde o Concello aproveitaron para anunciar que as inscricións para participar no concurso anual dos Maios pódense realizar entre o 17 e 24 de abril, a través da sede electrónica do concello ou no rexistro xeral.

Haberá premios para os tres primeiros clasificados nas categorías ao mellor conxunto (220, 180 e 150 euros, respectivamente), mellor maio, mellores coplas, mellor coroa, e mellor barco galego tradicional. Nestes catro grupos os premios serán de 150, 120 e 100 euros, respectivamente.

Este ano, como novidade, amplíanse os premios na mellor actuación e, ademais dos primeiros tres clasificados, tamén se incluirán 4º premio (80 euros) e 5º premio (50 euros). Ademais, polo mero feito de participar, cada maio recibirá 200 euros e dúas roscas. 

As bases completas pódense consultar na web do Concello de Poio