Un domingo de gran afluencia para pechar tres días de festa literaria

Pontevedra
05 de xullo 2021

A carpa da praza da Ferraría tivo este domingo unha elevada afluencia de público desde primeira hora da mañá, confirmando o éxito de participación da cuarta Festa dos Libros de Pontevedra un ano máis e poñendo un broche de ouro á edición 2021

Domingo na Festa dos Libros 2021 na Praza da Ferrería
Domingo na Festa dos Libros 2021 na Praza da Ferrería / Cristina Saiz

A carpa da praza da Ferraría tivo este domingo unha elevada afluencia de público desde primeira hora da mañá, confirmando o éxito de participación da cuarta Festa dos Libros de Pontevedra un ano máis e poñendo un broche de ouro á edición 2021. 

Durante toda a xornada pasaron pola carpa da praza da Ferrería para asinar exemplares nos postos das librarías Rena Ortega, Rober H.L. Cagiao, Paula Mayor, Pilar García Rego, Hortensia Bautista e Aurora Quinteiro, Fon, Leoncio Feijoo, Victoria García e Laura Cortés, Tándem Seceda, JM. Enríquez, Eva Mejuto e Bea Gregores, Pedro Feijoo, Alejandro Palomas, Ismael Ramos, Lorena Conde, Kiko da Silva, Arantza Portabales, David Pintos, Manel Loureiro, Álvaro José Amoedo Fernández, Nee Barros e Diego Ameixeiras.

O programa de actividades levou ata a carpa a público de todas as idades. Pola mañá foron, sobre todo, familias, que non quixeron perder a presentación de Bo Camiño, peregrino! (Edicións do Cumio), o terceiro álbum ilustrado de Rena Ortega, cheo de cor, divertidos personaxes e dedicado ao Camiño de Santiago.  

Tamén houbo oco para a poesía, coa mesa 'Palabras que latexan', na que Alejandro Palomas, Premio Nadal e Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, falou sobre Una flor (Letraversal), Pilar García Rego presentou Humanario (Editorial Galaxia) e  Lorena Conde, As puntas da louza (Aira Editorial).

Non faltou a figura de Xela Arias, homenaxeada este ano coas Letras Galegas 2021, cun faladoiro con Yolanda Castaño e Xela quixo ser ela (Xerais); e Laura Romero con Xela Arias. Palabra á intemperie (Bahía Edicións), así como o editor Xulián Maure e o fillo da poeta, Darío Gil. 

A novela negra estivo representada por Diego Ameixeiras con La noche del Caimán (Fondo de Cultura Económica, tradución ao castelán de A noite enriba, de Xerais), Pedro Feijoo con Un lume azul (Xerais), Manel Loureiro con La puerta (Planeta) e Arantza Portabales con A vida secreta de Úrsula Bas (Editorial Galaxia).

Para pechar tres días de eventos, chegou o espectáculo 'Idioma da tinta', coa voz da poeta Yolanda Castaño e as composicións orixinais de Isaac Garabatos.