Un verán musical en Marín con Dasoul, Café Quijano e orquestras como Panorama e Combo Dominicano

Marín
01 de xuño 2024

O Concello de Marín deu a coñecer este sábado algúns dos pratos fortes que esperan na programación festiva do verán que está a piques de comezar

Videoclip do artista canario Dasoul
Videoclip do artista canario Dasoul / Dasoul

O verán vén forte en Marín, a teor dos eventos avanzados este sábado pola concelleira de Festas de Marín, Marián Sanmartín, en relación á programación deseñada para as festas estivais.

Concertos, teatro, actividades infantís ou danza compoñerán unha programación que dará o pistoletazo de saída coa noite de San Xoán e que se prolongará ata final de setembro coas festas da Patroa Virxe do Porto e as festas de San Miguel.

A noite de San Xoán actuará na Praza do Regueiro a Orquestra Galilea, nunha actuación que se recupera tras ser aprazada nas festas de San Xosé pola choiva, e tamén en xuño, entre o venres 28 e o domingo 30 terá lugar a xa tradicional concentración moteira.

O mes de xullo arrincará, anuncia o Concello, o sábado día 6 co festival de música urbana 'Marín Dance Festival', no que actuará o artista canario Dasoul xunto a diferentes DJs. Será no Parque Eguren.

Chegarán despois as Festas do Carme, coa actuación o venres 12 de xullo da Orquestra Kubo na Praza de España, e o sábado 13 do grupo Café Quijano no Parque Eguren e da orquestra New York na Praza de España. A fin de semana pecharao o domingo 14 a Orquestra Panorama tamén na Praza de España.

Ademais o 15 de xullo amenizará as festas a orquestra Marbella e o martes día 16 El Combo Dominicano.

As Festa de Seixo o 19 e 20 de xullo, a Festa Corsaria o sábado 17 de agosto ou as festas da Patroa Virxe do Porto e as festas de San Miguel en setembro serán outors dos puntos destacados da programación estival en Marín.