O 23 de abril celébrase o Día do Libro, unha data imperdible no calendario cultural no que é sempre un bo momento para fomentar o hábito lector e recordar o importante papel que a literatura ten na nosa construción como persoas.
A concelleira de Cultura, Marián Sanmartín, presentou xunto ás representantes da Asociación de Mulleres Intercambio do Saber, a que xa é a décima edición do seu evento "Unha dorna de libros, un mar de ilusión", co que pretenden achegar o amor á lectura a toda a cidadanía, á vez que se aposta pola economía circular e pola segunda (terceira ou cuarta) vida que pode ter un libro.
Así, calquera persoa que queira poderá achegarse á Alameda de Marín o 28 de abril de 10.00 a 20.00 horas para coller libros que lle interesen e mergullarse nas súas historias.
Para poder depositar libros que se intercambiarán ese día, será preciso pasarse polo Museo do Mar, entidade tamén colaboradora da actividade, os días 19, 20, 21, 26 e 27 en horario de mañá, de 11.00 a 13.00 horas, e os días 16, 17, 18, 19, 22, 23, 24, 25 e 26 en horario de tarde, de 17.00 a 19.00 horas. Para calquera dúbida, pódese chamar ao 607473625.
O DÍA DO LIBRO, TAMÉN NAS REDES SOCIAIS E NA BIBLIOTECA
Por outro lado, desde o Concello buscouse reivindicar esta data literaria a través un vídeo con recomendacións lectoras para todos os seguidores das canles de comunicación municipais con títulos dispoñibles para préstamo na Biblioteca Municipal Vidal Pazos.
Ademais, na Biblioteca celebrarase o contacontos infantil "Unha de piratas" o 27 de abril ás 12.00 horas, unha actividade que forma parte do programa Ler Conta Moito, financiado cunha subvención da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.
DÍA DAS LETRAS GALEGAS
Finalmente, Marián Sanmartín adiantou que de cara á fin de semana desvelarase toda a programación que se está a preparar para a seguinte gran data cultural do calendario, desta vez no que respecta a Galicia, o Día das Letras Galegas.
Ademais do concurso de poesía, que rematará co prazo de presentación de manuscritos o 3 de maio, haberá outras actividades que se irán publicando nos próximos días.