Actividades durante o mes de maio para celebrar as Letras Galegas en Marín

Marín
26 de abril 2024

Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, o Concello de Marín ten preparada unha ampla programación durante o mes de abril para achegar o galego á xente moza e que todos os cidadáns pasen un bo momento  

Edificio do Concello de Marín
Edificio do Concello de Marín / Daniel Santomé

Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, o Concello de Marín ten preparada unha ampla programación durante o mes de abril para achegar o galego á xente moza e que todos os cidadáns pasen un bo momento.

Durante os días 7, 9 e 11 de maio haberá unha aula decreación literaria 'Proxecto Legado' da man da xornalista e escritora Elena Gallego, que terá lugar na Biblioteca Municipal Vidal Pazos de Marín. Para poder participar, a inscrición deberá facerse previamente na mesma biblioteca a través do mail [email protected].

Días antes, concretamente o 3 de maio ás 14:00 horas, rematará o prazo de presentación dos traballos para o XXII Concurso de Poesía. As bases poden atoparse na páxina web do Concello.

Xa o 17 de maio, Día das Letras Galegas, haberá no Museo Manuel Torres dende as 10:00 e ata ás 12:00 horas un obradoiro de 'lettering' baixo o nome de 'Debuxando Verbas', no cal María Sancho ensinará unhas técnicas básicas de caligrafía para deseñar textos dun xeito bonito. As prazas son limitadas, con preferencia para as persoas menores de 18 anos, e o prazo de inscrición está aberto desde este venres a través do mail [email protected], onde se deberá indicar o nome completo e o número de teléfono. O prazo pecharase o xoves 16 de maio ás 14:00 horas.

Ás 12:00 horas do día 17 celebrarase o acto institucional onde se fará entrega do premio de 1.000 euros á persoa gañadora do XXII Concurso de Poesía. Será no Museo Manuel Torres con entrada libre.

No acto tamén participarán os centros educativos da vila e serán ademais una parte central. Por iso, o Concello anima a todos os que queiran participar a gravar un vídeo de máximo dous minutos no que trasladen a toda a cidadanía un resumo das actividades que farán para promocionar entre o alumnado esta data tan relevante para a literatura galega e que serán proxectados durante a celebración.

Cada centro participante comprometerase a que un representante do alumnado, mestrado, ANPA... Participe no acto, subindo tras a proxección e lendo un pequeno poema de Luísa Villalta. Aos que participen, entregaráselles unha asignación de 150 euros para contribuír aos gastos dunha actividade cultural e un exemplar dun libro de Villalta para os fondos da biblioteca escolar.

Neste caso, as inscricións deberán facerse antes do venres 10 de maio ás 14.00 a través de [email protected]. O envío de vídeos será ata o 16 de maio, ás 19.00 horas, a través do mesmo mail.