O Concello de Soutomaior xa ten todo preparado para celebrar unha nova edición do Día de María Vinyals, unha cita que busca reivindicar a figura da escritora e pensadora vencellada ao castelo de Soutomaior a través dunha proposta aberta á participación da veciñanza.
A programación desenvolverase o venres 14 de agosto na Carballeira do Peirao de Arcade e reunirá actividades gratuítas pensadas para públicos de todas as idades, combinando creación artística, recuperación das tradicións e propostas lúdicas arredor da vida e do legado dunha das pioneiras do feminismo galego.
A xornada arrancará entre as 11.30 e as 13.30 horas cun obradoiro colaborativo de arte en vivo inspirado en María Vinyals.
A iniciativa contará coa participación da artista local Alba Troiteiro e dará como resultado unha obra colectiva que, unha vez rematada, poderá visitarse nunha exposición temporal na Biblioteca Municipal.
Xa pola tarde, ás 17.00 horas, será a quenda do obradoiro A queixería, unha actividade que pretende recuperar a tradición da elaboración de queixos na fortaleza durante a época na que María Vinyals residiu no castelo.
O programa concluirá ás 18.15 horas con A aventura da Marquesa Vermella, un xogo de pistas no que as persoas participantes deberán resolver retos cooperativos e descubrir mensaxes ocultas para coñecer diferentes episodios da vida da escritora.
A concelleira de Cultura, Silvia Cernadas, sinalou que o obxectivo desta iniciativa é achegar a figura de María Vinyals á cidadanía "a través de actividades dinámicas e participativas", favorecendo que o seu legado continúe presente entre as novas xeracións.
A edil tamén destacou a aposta do Concello por seguir poñendo en valor "unha das grandes referentes da nosa historia", unindo cultura, patrimonio e participación cidadá nunha celebración concibida para o desfrute de toda a familia.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.