O porto de Arcade acollerá o próximo 15 de agosto unha nova edición da Recalada, unha cita estival que reunirá durante toda a xornada actividades para todos os públicos, música en directo, artesanía, gastronomía e navegación en embarcacións tradicionais.
O evento busca pór en valor a vinculación histórica do municipio co mar e ofrecer un escaparate para a artesanía e os produtos locais.
Segundo acaba de anunciar o Concello de Soutomaior, o programa comezará ás 11.00 horas cun obradoiro de creación de móbiles colgantes e prolongarase até a noite con propostas dirixidas tanto a nenos como a adultos.
Entre elas figuran un obradoiro de chaveiros de coiro, o espectáculo infantil Canta, Buguina, Canta!, novas actividades creativas, actuacións musicais e a tradicional izada de velas, ademais de rutas en embarcacións tradicionais pola ría de Arcade e as illas Alvedosas.
A xornada concluirá ás 21.30 horas co concerto de Airiños da Peneda.
Paralelamente, durante todo o día permanecerán abertos un mercado de artesanía local e unha zona gastronómica instalada no recinto portuario.
Desde o goberno local aseguran que A Recalada consolidouse nos últimos anos como unha das principais citas do verán en Soutomaior, ao combinar a divulgación do patrimonio marítimo cunha programación cultural e de lecer orientada a toda a familia.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.